ALCALDÍA

Arrancan as obras de construción do enlace orbital, infraestrutura "imprescindible" para a mellora das comunicacións entre os polígonos empresariais do norte da cidade, a AP-9 e a A-54

25/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse a esta infraestrutura como "imprescindible" para mellorar as conexións viarias do norte da cidade no acto de inicio das obras, no que participou xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Tamén estiveron presentes os voceiros dos grupos municipais e representantes da Cámara de Comercio e da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre.

Sánchez Bugallo cualificou de "primordial para Santiago" esta obra, que permitirá dar saída aos parques empresariais do norte da cidade, especialmente ao da Sionlla, e que conectará tamén a AP-9 e a A-54. Pero non será unha peza clave só en Compostela: o rexedor fixo fincapé en que se "mellorarán notablemente" as comunicación de toda a comunidade porque "ao final o norte e o sur de Galicia trenzan nesta zona". Tamén se verán beneficiadas as conexións co aeroporto de Lavacolla, "que move o 60% do tráfico en Galicia".

O alcalde lembrou os inicios desta obra: "É un traballo que empezou a planificarse hai 15 anos co Plan sectorial de accesos á cidade de Santiago", que se completou co plan elaborado en 2011 no que se contemplaba a ampliación da AP-9 e coa posterior incorporación do orbital e o orbitaliño. "A ampliación da AP-9 está efectuada e agora damos un paso máis", finalizou o rexedor.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia subliñou que a ligazón orbital de Santiago se converterá nunha peza fundamental no quebracabezas que forma a Rede de Estradas do Estado en Galicia, pola súa posición estratéxica e os seus beneficios. No inicio da execución desta nova vía, Javier Losada engadiu que suporá un antes e un despois no desenvolvemento económico e urbano da zona norte da capital de Galicia ao permitir unha circulación máis fluída, máis rápida e máis segura que a actual.

O delegado do Goberno celebrou o compromiso cumprido do Ministerio de Transportes e do seu titular, José Luís Ábalos, cara a esta actuación da que tomou nota nas súas distintas visitas a Santiago "e que se concretou en pouco máis dun ano".

Conexións
Esta ligazón permitirá todos os movementos posibles entre a AP-9 e a A-54. Tamén mellorará substancialmente a conexión co aeroporto de Lavacolla, que gañará un acceso directo por vía de alta capacidade e gratuíta desde a autoestrada do Atlántico, que actualmente debe facerse por estrada secundaria. Por último, facilítase substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla, aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.

Esta actuación estará completa cando se execute o orbitaliño, unha obra que, como indicou o delegado, segue avanzando na súa redacción no Ministerio de Transportes, que actualmente se atopa resolvendo as alegacións presentadas na fase de información pública ambiental.

Características técnicas
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 22,5 millóns de euros na construción da nova vía, de 1 quilómetro de lonxitude, que parte do km 91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km 64,5 da AP-9. Ademais, executará un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co viario autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa Vella.

A nova Ligazón Orbital terá unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O viario terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.

Construiranse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do viario de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de trenzado e un muro de 356 m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.

O prazo de execución da obra é de 30 meses e corre a cargo da UTE Francisco Gómez-Arias Irmáns-Taboada e Ramos, creada por tres empresas galegas. O custo total resulta de sumar o montante da execución, 19,1 millóns, cos custos derivados de proxectos e expropiacións necesarias.

Compartir: