ACCIÓN CULTURAL

"Escenas do cambio" trae a Santiago, do 18 ao 21 de febreiro, 11 propostas escénicas procedentes de cinco países

24/11/2020 O festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción, Escenas do cambio, concentrará nunha fin de semana longa de febreiro, desde o xoves 18 ao domingo 21, un total de 11 propostas escénicas procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, O Reino Unido e O Xapón. Destas pezas, dúas serán estreas absolutas e tres poderán verse por vez primeira en España neste certame, que contará nesta sétima edición con nova directora, a galega Lola Correa.

Na presentación do festival, no que colabora o Concello de Santiago, participou a concelleira de Acción Cultural e Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, xunto ao secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a directora do festival, Lola Correa; e unha representación galega de artistas e compañías que participan: as directoras teatrais Marta Pazos, de Voadora e Ana Vallés, de Matarile Teatro, e as coreógrafas Begoña Cuquejo, Clara Ferrão e Paula Quintas. Case todas milleres, como destacou Mercedes Rosón o que "é revelador da importancia das mulleres en xeral e na cultura galega en particular", e que se pode ler como un indicador dese cambio que tamén se promove desde o propio festival.

Un festival, "Escenas do cambio", que naceu en 2014, cun nome, indicou Rosón, "que xa indicaba o seu obxectivo: mudar a escena galega. Ese avance acadouse. Pero agora, seis anos despois, atopámonos cun contexto novo, marcado por unha pandemia a nivel mundial, que nos obriga a reinventarnos e que marcará un antes e un despois nas industrias culturais. Agora máis que nunca precisan de toda a colaboración e axuda que podamos prestarlle. Un traballo coordinado, de consolidación dunha gran industria cultural, no que todas e todos; actores, público, e administracións sumemos, porque ao final, a cultura, ademais de alimentar a nosa imaxinación e noso espírito, defínenos como sociedade", engadiu.

A concelleira de Acción Cultural tamén destacou "que nesa reinvención tecnolóxica e de espazos abertos á que nos esta obrigando a pandemia, Compostela convírtese, este ano, nun enorme escenario coa representación da obra Paseo de Robert Walser". Un paseo itinerante polas nosas rúas, representado por Marc Caellas, e Esteban Feune. Será o sábado, 20 de febreiro, e o domingo, día 21; ás doce do mediodía. Unha proposta escénica a pé na que se producen encontros improvisados, aparicións, figuras pasaxeiras que mudarán a maneira que temos de percibir a paisaxe cotiá.

Outro dos espazos da cidade que acollerá algunha das actividades de Escenas do Cambio é a Fundación Granell. O 19 de febreiro, ás catro e media da tarde, terá lugar o obradoiro "Como escribir poemas en mistos para recitar, compartir ou deixar que o vento os leve", impartido por Julio Fer. Taller, conferencia, relato de vida e unha fugaz exposición.

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura afondou na súa intervención nas estreas coas que vai contar o festival. Deste xeito, explicou que as absolutas recaen en Conversaciones 10. Sobre la distancia da performance madrileña Ana Matey; e en Escenas en danza, da que destacou que se trata dunha peza creada ex profeso para a Cidade da Cultura. Representarase en diferentes espazos do complexo do Gaiás para o que se conta con seis das mellores bailarinas e coreógrafas de Galicia: Nuria Sotelo, Begoña Cuquejo, Kirenia Martínez, Clara Ferrão, María Roja e Paula Quintas.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo quixo remarcar a importante pegada que ten sempre neste festival de artes escénicas a danza, "á que se lle da o espazo que merece como unha das grandes disciplinas, tamén en Galicia, como demostra este elenco de seis coreógrafas que están a triunfar tamén fóra das nosas fronteiras coas súas propostas", argumentou.

En canto as obras que poderán verse por vez primeira en España grazas ao festival, a directora de Escenas, Lola Correa, enxalzou a participación do recoñecido coreógrafo xaponés Hiroaki Umeda, quen representará en streaming e desde Toquio a impactante Intensional Particle. Ademais, ao remate ofrecerá unha conferencia en liña "permitíndolles aos e ás asistentes poder interactuar en tempo real cun dos artistas actuais máis na vangarda no eido da danza contemporánea".

Escenas do cambio 2021 tamén suporá acoller a estrea en España de Romeo e Julieta a partir do Prokofiev, de Miguel Moreira e Útero Teatro. Lola Correa apuntou que este recoñecido dramaturgo e a súa compañía son "un referente da innovación escénica en Portugal e contar con eles supón sempre poder gozar de propostas transgresoras e anovadoras", como mesmamente é esta peza atípica, polo seu inusual final, da obra de Shakespeare.

A terceira estrea vén da man de Voadora, compañía galega cun impresionante palmarés de premios, un recoñecemento que vai á par coas boas críticas que reciben as súas creacións e a boa acollida do público a todas as súas propostas. Escenas do cambio é un festival no que sempre soen contar con espazo para amosarnos os seus novos traballos. Neste caso, trátase de Sincro, unha peza na que Marta Pazos, como directora e protagonista, explora dun xeito valente aspectos íntimos e familiares da súa vida.

Completan este programa propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela co mesmo Robert Walser, interpretado por Marc Caellas, creador que repite no certame con Suicide notes. Estas pezas amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Centro Dramático Galego da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.

A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, unha compañía creada por Brigitte Seth e Roser Montlló Guberna, que son á vez directoras e intérpretes: e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.

Esta programación internacional de Escenas do cambio non eclipsa outros dos sinais de identidade do festival: o de ser escaparate do que está a facer neste intre o sector galego, tal e como demostran as pezas Sincro, Escenas en danza e El diablo en la playa, doutra das compañías de Galicia co maior proxección fóra e dentro de Galicia, como é Matarile Teatro.

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2021, impulsado pola consellería de Cultura, conta con entidades colaboradoras galegas como o Centro Dramático Galego da AGADIC, a Secretaría Xeral de Igualdade, o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell, dentro da liña de estender a programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français, o Institut Ramón Llul e o Instituto Camões.

Documentos relacionados



Compartir: