SMARTIAGO

Comeza a desenvolverse Biolumen, o proxecto de iluminación innovadora de Smartiago

24/11/2020 Hoxe presentouse Biolumen, o proxecto de CPI (Compra Pública de Innovación) de Smartiago, que ten como obxetivo o desenvolvemento e implementación de sistemas de alumeado inovadores en edificios patrimoniais, que permitirán reducir o consumo enerxético nun 80% e influir no crecemento da biodiversidade sobre as súas fachadas. Este sistema de alumeado ornamental, pioneiro a nivel mundial, adxudicouse a un consorcio do que forman parte a empresa Televés, Ferrovial e a USC por un importe de 613.581 euros, IVE engadido, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Presentaron o proxecto o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; o director de Novas Liñas de Negocio de Televés, Iván Rodríguez; o director de I+D+I da citada empresa, Sebastián Pantoja; e Patricia Sanmartín Sánchez, investigadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio natural e cultural (GEMAP), da USC; baixo o lema "Aforramos en luz, gañamos en arte".

Guinarte destacou a "especial significación" de Biolumen, por ser o primeiro dos tres proxectos de CPI que se licita, pola carga innovadora que ten e por ter como adxudicatarios a un "entorno empresarial e innovador moi próximo a nós", co que se cumple un dos obxectivos de Smartiago, "favorecer o desenvolvemento tecnolóxico nun ámbito próximo". O concelleiro engadiu que "isto demostra a extraordinaria valía e competencia destas empresas e da USC para afrontar os retos da innovación". Guinarte tamén incidiu en que o obxectivo de Smartiago é que o gasto vaia para innovación, que é o que cubre realmente a financiación dos fondos europeos FEDER.

Iván Rodríguez destacou que Biolumen é un "proxecto moi importante para Televés", unha compañía compostelá presente en máis de cen país, "coas distintas liñas de negocio da corporación, con máis de 20 empresas, con máis de 800 empregados e con 214 millóns de euros de facturación en 2019". Un grupo, continuou, "que xira en torno a un núcleo industrial con base en Santiago, que está abrindo novas liñas de negocio para complementar a aposta nos servizos de telecomunicación". Unha destas liñas de negocio, sinalou, é a liña de iluminación led, "un dos vectores de crecemento do grupo".

Foi Sebastián Pantoja quen describiu o proxecto Biolumen, que ten como finalidade "o desenvolvemento e implementación de innovadores sistemas de alumeado público con tecnoloxía LED, telecontrolado, e con capacidade biostática, facilmente integrables no patrimonio cun mínimo ou nulo impacto arquitectónico". Os obxectivos máis concretos serían: un aforro enerxético en torno ao 80% anual; reducir o gasto de mantemento da iluminación ornamental nun 60%, reducir o gasto empregado na conservación tamén á metade, desenvolver solucións baseadas nos principios da economía circular; e respectar a biodiversidade.

O proxecto, que comeza hoxe mesmo, 24 de novembro, e que está previsto que finalice o 31 de marzo, divídese en catro fases. A primeira fase, de entrega de análise, estudo de viabilidade e deseño, conta cun orzamento, sen IVE, de 152.127,62 euros. Á fase dúas, de subministro de luminarias prototipo, está previsto destinar 152,127,63 euros, sen IVE. A fase tres é a de instalación e posta en marcha das luminarias, e está presupostada en 152.127,21 euros. E a cuarta e última fase, de finalización da fase de implantación, tería un custo de 50.709,21 euros.

A empresa Televés ten previsto desenvolver, nesta investigación, un sistema de alumeado ornamental a través dun bioproxector (biofilm), que poida controlar as lonxitudes de onda, o ancho de banda, o fluxo lumínico e a duración da exposición, para ralentizar o crecemento das colonizacións biolóxicas nas fachadas. Probarase durante 9 meses na fachada norte da Casa do Cabido, para validala, segundo o director de I+D+I de Televés, "se os resultados que se pretenden obter son certos".

Patricia Sanmartín Sánchez, investigadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio natural e cultural (GEMAP), da USC explicou que mentras se implemente o proxecto, vanse realizar, en paralelo "estudos de laboratorio". A finalidade é levar eses estudos ao exterior. Durante eses 9 meses, subliñou, "vai haber un monitoreo constante do crecemento,"imos estar mirando continuamente como varía a colonización biolóxica coas luces", tempo suficiente para "un estudo previo".

Biolumen é, en palabras de Sebastián Pantoja, unha proposta innovadora, pioneira a nivel mundial, e "un gran reto" que pode ter un gran impacto "a nivel nacional e internacional", comezando polos lugares Patrimonio da Humanidade. O deseño do plan de comunicación, dando a coñecer as vantaxas da iluminación ornamental, completarase, nun futuro, coa definición dunha normativa para este tipo de iluminación.

O proxecto complétase coa transferencia do coñecemento obtido ao concello de Santiago. Televés tamén compromete un 10% dos "royalties" da solución deesenvolvida, e un plan de conservación co soporte da operación do programa piloto durante dous anos a partir da finalizacion do proxecto.

SMARTIAGO
O proxecto Smartiago ten dous obxectivos claros: a identificación de necesidades non resoltas na prestación de servizos públicos nunha Cidade Patrimonio; e mellorar a calidade dos servizos públicos de forma sostible e continuada no tempo.

Dúas necesidades que aborda coa posta en marcha dun conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, que buscan dar resposta aos tres retos identificados: mobilidade intelixente e sostible, xestión sostible e intelixente de residuos sólidos urbanos; e iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Sindo Guinarte destacou o traballo "intenso e continuo" de todo o persoal municipal que está a traballar en Smartiago, un proxecto transversal no que están implicadas distintas concellarías, entre elas a de Economía e Modernización da Administración Local, a de Urbanismo, a de Medio Ambiente ou a de Mobilidade. Un proxecto, que recordou, "xa viña de antes, xa tiña un percorrido teórico, pero que non empezara realmente a desenvolverse". "Un reto moi difícil", sinalou, que avanza coa presentación do primeiro dos tres proxectos de CPI, quedando pendente o contrato de RSU (Residuos Sólidos Urbanos), e o de mobilidade. Destacou tamén que o Concello de Santiago é o primeiro municipio galego en executar unha iniciativa de Compra Pública de Innovación, e pioneiro entre as cidades patrimonio en executar un proxecto destas características.

COFINANCIAMIENTO FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Documentos relacionados



Compartir: