SMARTIAGO

O Concello presenta ao Ministerio de Ciencia e Innovación os avances rexistrados no proxecto Smartiago no último ano

19/11/2020 O Concello de Santiago de Compostela e o Ministerio de Ciencia e Innovación mantiveron, por videoconferencia, a Comisión de Seguimento anual do proxecto Smartiago, na que o goberno municipal recibiu as felicitacións do executivo central polos importantes avances rexistrados durante o último ano no desenvolvemento do proxecto.

Por parte do Ministerio forman parte desta Comisión Teresa Risco Alcaide, secretaria xeral de Innovación, que asume as funcións de presidenta; Amanda Gil Sánchez, subdirectora xeral de Fomento da Innovación; Adolfo Barrios Ruano, subdirector xeral adxunto de Fomento da Innovación; e outro persoal técnico. Por parte do Concello, asistiron os concelleiros Gumersindo Guinarte (que actúa como secretario da Comisión) e Marta Abal, así como o xefe do Servizo de Informática, Jesús Rodríguez, ademais doutros membros do equipo do Concello e da oficina técnica de SILO.
Durante a comisión fíxose un repaso dos avances do proxecto no último ano: celebración das Consultas Preliminares ao Mercado con éxito de participación de empresas locais, autonómicas, nacionais e internacionais; as contratacións que xa se adxudicaron en materia de investimentos (por un valor de máis de 700.000 euros) e as pendentes de formalizar pertencentes á partida de Compra Pública de Innovación para os retos de mobilidade, RSU e iluminación. Nesta partida están previstas ademais a licitación de dúas novas contratacións, do que tamén se deu conta ao Ministerio.

Por parte do Ministerio, os seus representantes felicitaron ao Concello de Santiago de Compostela polos grandes avances dados no proxecto, sobre todo na execución dos fitos marcados no convenio, alcanzado os indicadores propostos; e polo labor de transparencia do proxecto levado a cabo desde a web do mesmo.

Destacan desde o Ministerio que as contratacións en materia de innovación teñen un matiz altamente replicable en municipios e cidades de similares características, polo que animan ao Concello a difundir os seus resultados nas redes municipais das que forman parte, como a FEMP ou a Rede Innpulso.

Cabe destacar que o Concello de Santiago é o primeiro municipio galego en executar un proxecto de CPI e é pioneiro entre as cidades patrimonio en executar un proxecto destas características.

COFINANCIAMIENTO FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude dun convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Compartir: