TURISMO

Primeira xuntanza entre Concello, Xunta e Goberno central para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística de Santiago

16/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, co obxecto de comezar a traballar na posta en marcha de Plan de Sostibilidade Turística de Santiago. Á xuntanza tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.

Na reunión transmitiuse o compromiso tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia co Plan de Sostibilidade Turística elaborado polo Concello de Santiago, que ten como principal obxectivo transformar o modelo turístico de Santiago, fomentando un modelo no que se conxugue a rendabilidade turística sostible do sector e a convivencia de turistas e visitantes cos residentes.

O Plan de Sostibilidade Turística de Santiago, que se desenvolverá do 2021 ao 2023, conta cun orzamento total de tres millóns de euros, cofinanciados a partes iguais por Concello, Xunta e Secretaría de Estado de Turismo. Con este Plan, o Concello aposta pola transformación do sector turístico incorporando dito compromiso de investimento nos orzamentos dos próximos tres anos.

Na rolda de prensa posterior á reunión, o alcalde sinalou que "é moi positivo que nun momento como o actual poidamos estar reunidos en Santiago falando dun evento extraordinario como o ano Santo". O alcalde destacou que o de 2021 "será diferente ao que tiñamos pensado" pero amosouse convencido de que Santiago recuperará o seu fluxo turístico unha vez se recupere a posibilidade de viaxar. Neste sentido, destacou que o Plan de Sostibilidade é unha ferramente para "estar preparados para que cando a xente veña a Santiago non se vaian defraudados e teñan gañas de volver".

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta destacou que o Plan de Sostibilidade Turística de Santiago é un exemplo de coordinación necesaria entre administracións no eido do turismo. Cualificou a Santiago como "un destino consolidado, que precisa reinventarse sobre todo de cara ao ano que ven, que demanda novos investimentos e novas accións". Neste sentido, subliñou a importancia de facer promoción conxunta do Xacobeo, acompasándoa á volta da normalidade.

Finalmente, o Secretario de Estado de Turismo afirmou que coa súa presenza en Santiago quería amosar o compromiso do Goberno do Estado co Ano Santo, "un evento fundamental para España" e recalcou que se lle ocorren "poucos produtos turísticos tan importantes para España no 2021 como o Xacobeo e o Camiño de Santiago". Respecto do Plan de Sostibilidade, destacou que "permitirá que Santiago poida pensar no futuro do turismo na cidade, en ámbitos como a recepción de vistantes, xestión de fluxos, posta en valor de espazos e novos productos".

Plan de Sostibilidade Turística
O Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela é unha proposta que se presentou no pasado mes de setembro á convocatoria dos "Plans de Sostibilidade Turística en Destinos" co obxectivo de recibir financiamento para investir en actuacións de impulso, adecuación e mellora de Santiago como destino para aumentar a súa sostibilidade.

O Concello, para presentarse a esta convocatoria, elaborou unha memoria técnica de máis de 200 páxinas na que se prevén executar múltiples actuacións nos próximos tres anos por un valor de tres millóns de euros. As actuacións elixibles dentro das propostas abranguen unha ampla tipoloxía de actuacións, todas elas orientadas a renovar o modelo turístico da cidade.

O Plan estructúrase en cinco eixos que permitirán dar un novo impulso ao sector turístico nun momento no que está vivindo unha grave crise provocada polo impacto do Covid-19. Estes cinco eixos son: Gobernanza, Estratexia e Activación do sector turístico; Destino intelixente, Mobilidade sostible e Accesibilidade; Cidade Histórica e Estratexia Verde; Transición ecolóxica do sector turístico; e Renovación da mercadotecnia e creación de novos produtos e experiencias sostibles .

No eixo da Gobernanza, Estratexia e Activación do sector inclúense as actuacións de planificación, coñecemento e definición da nova estratexia turística de Santiago de Compostela, entre as que destacan: Pacto Local para o desenvolvemento dun turismo sostible, equilibrado, seguro e responsable; Observatorio de Turismo Sostible; Oficina de Estratexia de turismo sostible; e Reactivación sostible do sector turístico.

No eixo de Destino intelixente, Mobilidade sostible e Accesibilidade, o Plan proponse afondar na aplicación da tecnoloxía á información ao visitante e na xestión dos fluxos turísticos, fundamental para reorientar eses fluxos e mellorar a experiencia turística e a seguridade das persoas e a saúde, destacando as seguintes accións: Sistema integral de xestión do destino intelixente; Plan de mobilidade turística sostible e xestión dos usos do espazo público na Cidade Histórica; Plan de accesibilidade e deseño universal.

No terceiro eixo, Cidade Histórica e Estratexia Verde, inclúense as intervencións no Casco Histórico e a activación do Patrimonio. O Plan recolle actuacións de embelecemento do centro histórico, a revitalización de actividades produtivas urbanas e de economía creativa, e a posta en marcha dun proxecto vinculado á tradición gastronómica de Santiago de Compostela e Galicia.

O cuarto eixo, Transición ecolóxica do sector turístico, inclúe medidas para mellorar a xestión ambiental nas empresas turísticas e reducir o impacto ambiental do turismo en múltiples aspectos, como a mellora da xestión dos residuos, o desenvolvemento da economía circular, e a loita contra o cambio climático a través da eficiencia enerxética.

Finalmente, o eixo dedicado á Reactivación sostible do sector turístico inclúe medidas para a creación e consolidación dos produtos turísticos estratéxicos para o posicionamento de destino. Neste eixo recóllese a renovación da marca turística de Santiago, aliñada cos novos retos da cidade e o reforzo das accións de promoción e comercialización de Compostela como destino turístico sostible para mellorar a súa visibilidade nos principais mercados emisores.

O Plan presentouse no pasado mes de setembro ante diversos representantes do sector turístico de Compostela, cunha recepción moi positiva. Nesta xuntanza participaron a Asociación Hostelería Compostela, a Unión Hoteleira, o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR), a Asociación Profesional de Guías Turísticos, a Asociación Galega de Empresas de Organización Profesional de Congresos, a Asociación Galega de Axencias de Viaxes e a Cámara de Comercio.

Documentos relacionados



Compartir: