ACCIÓN CULTURAL

O Pazo de Raxoi acolle a gravación do vídeo de presentación do libro de Suso de Toro, "Un señor elegante", que conta a historia da familia Baltar

12/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participaron na gravación dun vídeo, que serviu como acto de presentación no concello do libro "Un señor elegante", do escritor Suso de Toro. A obra ten como protagonista á familia Baltar, unha saga oriúnda de Padrón e veciña da cidade de Santiago.

Ao redor do piano de don Ángel Baltar Cortés, cirurxián do Hospital Real e director do desaparecido Sanatorio Baltar, que agora se atopa no Salón Vermello do Pazo de Raxoi, tivo lugar onte o citado acto. O autor do libro, así como descendentes da familia Baltar, presentaron as medallas que recibiron don Ángel en 1927; a Gran Cruz de Beneficencia, solicitada daquela polo Concello de Santiago e costeada por subscrición popular; e a do seu fillo, Ramón Baltar Domínguez, quen foi distinguido coa Gran Cruz de la Orden Civil de Sanidad en 1970, tamén costeada por subscrición popular.

Mercedes Rosón leu un fragmento do discurso de aceptamento da medalla de don Ángel. A continuación, Suso de Toro e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, conversaron sobre a historia do Gran Hospital, que foi desaloxado de forma violenta en 1953. Incidiron, sobre todo, na defensa que fixo entón Ramón Baltar fronte á decisión do ditador Francisco Franco de transformalo no actual Hostal. Nesta conversa tamén houbo tempo para lembrar outros episodios da vida da familia Baltar.

Pechou o acto, desenvolvido seguindo as restricións sanitarias en vigor, o pianista Fernando Buide. Interpretou pezas do "Clave ben Temperado" de Bach no piano doado pola familia ao Concello de Santiago de Compostela e que neste 2020 cumpre cen anos. O vídeo que están gravando proxectarase proximamente na presentación oficial do libro.

Compartir: