EDUCACIÓN

O Concello e a USC renovan o convenio para a realización de actividades do programa universitario de maiores IV ciclo

12/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi o convenio de colaboración entre ambas entidades para a sostemento do programa universitario de maiores IV ciclo.

En concreto, con cargo a este convenio, dotado orzamentariamente con 1.000 euros, a USC sufragará os custos do deseño, impresión e distribución do material divulgativo do proxecto "Destacando na Ciencia, 2020", incluído no programa do IV ciclo.

Ambas institucións plasman con esta sinatura a súa vontade de manter en funcionamento o IV ciclo, un programa de actividades formativas e culturais que busca a aprendizaxe e a interdisplinariedade no ámbito da educación non formal. Así mesmo, quérese fomentar con el a participación cidadá no municipio de Santiago do colectivo de persoas maiores, dando resposta ás súas necesidades e expectativas específicas.

O IV ciclo ten como obxectivo fundamental promover a incorporación de alumnado maior de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos. Naceu tamén para vincular e amplificar a oferta de estudos universitarios con criterio de interdisplinariedade e en consonancia cos principios que inspiran a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores.

Posibilita, así mesmo, que as persoas maiores compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos necesarios para alcanzar ese fin.

Programa
Os catedráticos da USC Margarita Ledo, Ángel Carracedo e Darío Villanueva serán as figuras centrais da edición 2020 do ciclo de conferencias ‘Destacando na ciencia’. Tres relatorios que se desenvolverán ao longo do mes de decembro e que ofrecerán un espazo motivador de intercambio de experiencias, divulgando a ciencia e contando en primeira persoa os achados máis relevantes da súa traxectoria, así como dos métodos e tecnoloxías empregadas.

Nesta liña, o IV Ciclo dá solucións "para atallar as diferencias que xorden na difusión e interese entre o alumnado de mais de 50 anos para que non se produzan fronteiras entre o mundo da ciencia natural e tecnolóxica e o da humanística", apuntan dende a dirección deste programa. "Entendemos que é necesario impulsar un ciclo de conferencias para acercar dito coñecemento a poboación maior e reducir a brecha de distanciamento que se observa na elección e valoración das materias", conclúen.

Compartir: