ALCALDÍA

O alcalde recibe as gañadoras do concurso de arquitectura Driehaus cunha proposta de rehabilitación da rúa Caramoniña

11/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón, recibiu a Eva Niño, Elia San Román e Carme Carral, integrantes do estudo de arquitectura gañador do Concurso de Arquitectura Driehaus, cunha proposta de rehabilitación para a rúa da Caramoniña.

A iniciativa denominada "Hydrangea" propón rehabilitar unha área do centro histórico infrautilizada e mal conectada, de acordo coa proposta realizada polo Concello de Santiago. O proxecto recupera varias construcións, hoxe en ruínas, para destinalas a vivendas para artistas. Ademais, conecta sutilmente esta zona co parque de San Domingos de Bonaval e rehabilita un almacén municipal transformándoo nun espazo con utilidade para taller ou exposicións.

Para a proposta de Santiago de Compostela recibíranse 41 traballos de deseño. Entre elas, o xurado seleccionou "Hydrangea" para o primeiro premio, dotado con 12.000 euros, entregados nunha gala celebrada o pasado mes de xullo. Xustificou a decisión "na recuperación de formas e técnicas construtivas tradicionais, na sutil conexión a dúas alturas da Rúa da Caramoniña co Parque de San Domingos de Bonaval"; e na "singular habilidade para responder aos diversos retos que plantexaba este ámbito, sen deixar de preservar e potenciar ao mesmo tempo os aspectos máis atractivos que aínda mantén".

Eva Niño, Elia San Román e Carme Carral forman parte do estudo Mainel Arquitectura, ubicado en Madrid. Na recepción que mantiveron hoxe co alcalde tamén estivo presente o arquitecto do Concello de Santiago, Javier Fernández.

Compartir: