ACCIÓN CULTURAL

O libro galego vestirase de gala (online) o 21 de novembro

10/11/2020 Este mediodía tivo lugar, na sala circular do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, a presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12:00 desde a canle de Youtube da Gala.

Na presentación pública en rolda de prensa participaron por parte das entidades da organización, Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, quen agradeceu ás entidades colaboradoras o seu apoio e afirmou que "o importante é soster a Gala nun momento de emerxencia coma este, pois a lectura e o libro reveláronse durante o confinamento coma un salvavidas e isto debe sensibilizarnos na consideración do libro como ben de primeira necesidade"; Xosé Antón Pedreira Mirás, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, destacou a unidade das tres entidades do sector do libro organizadoras da Gala (AGE, AELG e FLG), e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG puxo en valor a visibilidade que ofrece a Gala ás obras literarias de autoría galega.

Por parte das entidades colaboradoras, Mercedes Rosón, concelleira Acción Cultural do Concello de Santiago, foi a encargada de abrir e pechar o acto: "Celebramos os libros na nosa lingua e a lectura como sanación nestes difíciles momentos", afirmou. Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, destacou o papel das administracións no seu apoio ao sector do libro: "Debemos arroupar o proceso creativo, o sistema cultural e literario galego". Por motivos de axenda escusaron a súa ausencia as demais entidades colaboradoras na celebracióndo evento, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a entidade CEDRO.

Os premios da Gala do Libro Galego terán formato virtual
A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o 9 de maio de 2020 e a organización do evento decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores ese mesmo día e adiar a Gala para o 21 de novembro, ás 12:00, en formato virtual desde a canle de Youtube da Gala.

Os Premios da Gala do Libro Galego están organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), contan coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Concello de Santiago e é unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Alta calidade das obras e bo momento de creación literaria do libro galego
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.

Documentos relacionados



Compartir: