POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello e ALCER suman esforzos para concienciar a poboación sobre a necesidade de doar órganos

10/11/2020 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, e o coordinador da Asociación para a loita contra as enfermedades de ril (ALCER), deron conta hoxe en rolda de prensa do programa posto en marcha para sensibilizar a distintos colectivos da poboación sobre a doazón de órganos.

En total desenvovéronse catro actividades, que terán continuidade, que pretenden chegar a todas as franxas de idade cunha mensaxe que lembrou a concelleira: a importancia de seguir doando órganos porque "se ben parece que a actualidade sanitaria só pasa pola COVID-19, o certo é que o resto das doenzas non desapareceron". "A única alternativa que teñen moitas persoas para seguiren vivindo é que outras doen unha parte do seu corpo" abundou a edila, que explicou que "os riles se atopan entre os órganos que poden ser doados e, a diferenza doutros (como o corazón ou os pulmóns), poden obterse de doadores vivos e sans. A extracción dun dos dous riles que posúe un ser humano ten, ademáis, un risco moi baixo".

"Decidir ser doador significa estar disposto a realizar un acto de altruísmo e solidariedade, significa axudar de forma directa a mellorar a calidade de vida dos enfermos e significa tamén salvar vidas. Por iso, desde o Concello, nos sumamos a esta inciativa de divulgación de Alcer que nos pasa a detallar Alfredo", engadiu.

Pola súa banda, Alfredo Saborido, explicou as distintas actividades incluidas no programa.

Actividades
"Proxecto salvavidas. Divulgación da doazón de órganos en centros de ensino" ten como fin sensibilizar ao alumnado que estuda na cidade de Santiago de Compostela. O 4 de marzo levouse a cabo dentro desta actividade unha formación na Facultade de enfermería da USC, cun total de 108 participantes (81 mulleres e 27 homes). Pola situación sanitaria actual xerada polo COVID-19, quedan pendentes de realizar 3 formacións máis cos representantes das ANPAS do concello, no IES Lamas de Abade e o IES Eduardo Pondal; nestes dous últimos de forma telemática, onde houbo que adaptar a actividade presencial inicial.

A actividade "Falamos da doazón. Charlas coloquio sobre doazón" pretende achegar a doazón de órganos a espazos municipais do concello e a persoas de todas as franxas de idade. O 27 de febreiro realizouse un obradoiro no Centro Sociocultural A Casa Agraria cun total de 15 participantes (11 mulleres e 4 homes); o 30 de agosto formouse ao aire libre ás persoas participantes na visita ao Casco Histórico da cidade que se realizou desde Alcer Coruña (cun total de 7 participantes, 4 mulleres e 3 homes) e o 22 de outubro colocouse unha mesa informativa no mercadiño de Salgueiriños á que se achegaron un total de 17 persoas (15 mulleres e 2 homes). A campaña continuará cunha visita ás instalacións de VIAQUA en Santiago de Compostela na que se falará sobre a doazón de órganos tanto ás persoas participantes como ás persoas traballadoras da empresa.

"Doar é doado. Campaña continuada para a doazón de órganos" é a actividade que promove o mantemento continuado dende o ano 2018 dunha campaña para o fomento da doazón de órganos na cidade. Este ano contouse coa colaboración do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, que axudou a difundir cartelería específica para o fomento da doazón de órganos entre os clientes das 68 farmacias rurais e urbanas do concello.

A cuarta actividade é "Hábitos de vida saudables", que ten como fin o fomento de estilos de vida que favorezan o coidado da saúde xeral e máis concretamente da saúde renal. Tamén ten como obxectivo mellorar a independencia nas actividades da vida diaria. Dentro desta actividade realizouse o 29 de setembro un taller de nutrición para persoas con enfermidade renal, co fin de facilitar a comprensión das esixentes pautas nutricionais que conleva o diagnóstico dunha enfermidade renal (acudiron un total de 6 mulleres e 4 homes).
Tamén se levaron a cabo asesoramentos individuais entre o 13 e o 29 de outubro para o fomento da independencia nas actividades da vida diaria ás persoas veciñas do concello diagnosticadas de enfermidade renal que realizan tratamento de hemodiálise na clínica Diaverum de Santiago de Compostela (acudiron un total de 10 mulleres e 7 homes).

Compartir: