PLENO

O Pleno aproba por unanimidade a exención da taxa de terrazas para os locais de hostalería para o ano 2021

09/11/2020 O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade a proposta de modificación da ordenanza 3.24, relativa á taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio publico, o que significa que os locais de hostalería estarán exentos de tributar pola colocación de terrazas o vindeiro ano 2021, dando así cumprimento a unha das demandas do sector.

Grazas á aprobación desta medida, durante o vindeiro ano, non estarán suxeitas a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial de dominio publico local as ocupacións de solo e subsolo contempladas na letra g) do artigo 2 da devandita ordenza, relativas á ocupación con mesas, cadeiras, tribunas, quioscos de hostalaría e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

"A hostalaría, co turismo, son dúas das principais actividades económicas mais afectadas polos efectos desta crise", afirmou a concelleira de Facenda, Marta Abal, que recalcou que as cifras reflexan a importancia do sector na estructura económica galega e compostelá: "a hostalaría conta con máis de 21 mil establecementos que dan emprego a 68.825 traballadores. No ano 2018 facturou 4.768 millóns de euros, o 4,5% do PIB galego, pero concretamente en Compostela esta cifra é superior, representa o 11,6% da actividade económica da cidade".

Esta medida súmase á debatida no pleno do mes de abril deste ano no que "entre outras propostas de medidas fiscais, acordouse a modificación desta taxa co obxecto de incluír unha cláusula para que nos supostos de estado de alarma, de excepción e de estado de sitio se poida reducir o importe do recibo en proporción aos días que dure a limitación da ocupación. Cláusula que poderemos aplicar nesta segunda declaración de estado de alarma", abundou a edila.

A concelleira fixo, ademais, un repasou doutras medidas postas en marcha polo Concello dende o comezo da pandemia para frear o impacto económico da mesma nos sectores especialmente afectados: "no mes de abril deste ano o Concello puxo en marcha diferentes actuacións, o Plan Marco de Reactivación Económica "Compostela 2020" e o "Plan de acción para a recuperación do Turismo" ambos encamiñados a paliar os efectos da crise sanitaria global provocada pola COVID19. Dentro deste último plan destacou a convocatoria das axudas para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá, unha liña de axudas dotadas cun orzamento inicial de 100.000 euros que busca a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe fomentando a cultura da innovación como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial e facilitar a adaptación ao novo contexto económico. Esta convocatoria tivo un resultado de 186 solicitudes en total para todas as liñas contempladas, beneficiando ao 87% delas".
Así mesmo, ditáronse por parte da Alcaldía varios decretos destinados a flexibilizar de forma excepcional a normativa municipal que afecta directamente ao desenvolvemento económico deste sector, "falamos do decreto do pasado 8 de outubro polo que se autoriza a instalación provisional de mamparas e calefactores nas terrazas de hostaleira no ámbito do Plan Especial ou o do 23 de outubro polo que se autoríza de forma excepcional e ata o 5 de abril de 2021 a ocupación de prazas de aparcamento na vía pública para instalación de terrazas de hostalería".

Novo plan de axudas
O pasado venres o alcalde de Santiago e o presidente da Deputación anunciaban a posta en marcha dun novo plan de axudas ao sectores máis prexudicados pola crise por un importe global de 3 millóns de euros (dous procedentes do remanente de Tesourería do Concello e o millón restante achegado pola entidade provincial).

Este plan, segundo sinalou Sánchez Bugallo, contará con dous tipos de axudas: por un lado, as destinadas a cubrir os gastos correntes e ordinarios dos negocios (alugueiros, luz, teléfono, gastos da seguridade social, etc.); e, polo outro, as que financiarán investimentos, fundamentalmente en materia de renovación tecnolóxica. A intención do goberno é tratalo en pleno a vindeira semana para facer efectivas as axudas de xeito inmediato a través dun procedemento de concorrencia non competitiva e "unhas bases o máis sinxelas posible".

Compartir: