EDUCACIÓN

Concello e IES Rosalía de Castro renovan a colaboración no financiamento do Bacharelato Internacional

09/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño, asinaron en Raxoi o convenio de colaboración para o financiamento do Bacharelato Internacional, en virtude do cal o Concello achega 6.208 euros.

O rexedor amosou a súa satisfacción por estar asinando novamente este convenio e por estes "31 anos de colaboración". "É un motivo de orgullo que un centro de ensino público de Santiago faga unha aposta educativa deste nivel", abundou Sánchez Bugallo. Pola súa banda, o director do centro, Xavier Mouriño, agradeceu a colaboración municipal para o sostemento de parte dos gastos da posta en marcha do BI, axuda que se materializa en 6.208 euros.

O Bacharelato Internacional é unha fundación educativa sen fins de lucro, fundada en Xenebra (Suíza) en 1968. O que comezou sendo un único programa dirixido a alumnos/as que se desprazaban a outros países para cursar estudos preuniversitarios é, a día de hoxe, un ciclo educativo formado por tres programas para alumnos de 3 a 19 anos. Os tres programas ofrecen un ciclo educativo completo e coherente que fai fincapé no desenvolvemento integral -intelectual, persoal, emocional e social- da persoa. Nos tres programas, a educación integral alcánzase mediante a aprendizaxe de disciplinas de todos os campos do saber: linguas, humanidades, ciencias, matemáticas e artes.

O IES Rosalía de Castro obtivo a autorización para impartir este programa no ano 1989, sendo o primeiro centro público de Galicia en facelo e, naquel momento, un dos únicos oito centros públicos en España con esta modalidade de formación. Así pois, neste 2020 cúmprense 31 anos da implantación do Bacharelato Internacional no instituto compostelán.

Compartir: