ALCALDÍA

O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo reunirase por primeira vez o vindeiro mércores

08/11/2020 O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo manterá a súa primeira reunión o próximo mércores logo de que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago acordaran a súa composición. O obxectivo é estudar as últimas evidencias en torno ás figuras e valorar accións para a súa reintegración no patrimonio público, seguindo unha folla de ruta sólida e consensuada como se fixo no caso do Pazo de Meirás.

A constitución deste equipo de traballo -acordada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodriguez, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo- xorde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía a través dun labor serio e rigoroso grazas ao asesoramento de especialistas xurídicos e históricos.

O grupo está presidido polo profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC) Emilio Grandío Seoane. Como expertos do ámbito da xurisdición civil e penal participan os letrados da Asesoría Xurídica da Xunta Isabel Novo Castro e Guillermo Folgueral Madrigal, o exdirector da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago Xoaquín Enrique Monteagudo, o actual director, Manuel Cutrín, e o catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Busto Lago. Do eido cultural, artístico e eclesiástico, forman parte o director de Proxectos Culturais e Artísticos do Real Colexio Complutense de Harvard, Francisco Prado-Vilar, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo. Ademais destes expertos, intégrase neste grupo Javier Suárez García, en representación da Avogacía do Estado. A función da secretaría desta comisión será exercida pola xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Ben de Interese Cultural
As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela. Foron declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia o pasado ano 2019 como parte do compromiso coa súa recuperación para o dominio público. Esta declaración supón obrigas legais para os actuais titulares, entre elas, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado, algo que non consta neste momento na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En concreto, a lei 5/2016, o 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recolle que o traslado de bens mobles declarados de interese cultural, como é caso de ambas estatuas, deberá ser autorizado pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultura. Así mesmo, indicaranse a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento.

Igualmente, en relación ao resto de ben mobles, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio están á disposición do que a autoridade xudicial poida determinar ao respecto. Cómpre lembrar que as Torres de Meirás foron declaradas ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, polo decreto 299/2008, do 30 de decembro.

Compartir: