ALCALDÍA

O Concello pon en marcha un segundo plan de axudas para o sector da hostalería e o comercio, coa colaboración da Deputación da Coruña, por 3 millóns de euros

06/11/2020 O Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 aprobado en abril terá unha segunda parte neste mes de novembro co fin de axudar aos sectores que máis prexudicados se están vendo polas medidas restritivas decretadas pola Xunta de Galicia na loita contra a covid-19. Este segundo plan contará cun investimento de 3 millóns de euros, dos que dous procederán das arcas municipais e o terceiro, da Deputación da Coruña. Así o anunciaron el rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Como indicou Sánchez Bugallo, o que se pretende é facer unha inxección económica directa aos sectores da hostelería e o comercio, fundamentalmente, para paliar as graves consecuencias que están a sufrir. O plan contará con dous tipos de axudas: por un lado, as destinadas a cubrir os gastos correntes e ordinarios dos negocios (alugueiros, luz, teléfono, gastos da seguridade social, etc.); e, polo outro, as que financiarán investimentos, fundamentalmente en materia de renovación tecnolóxica.

O alcalde anunciou a súa intención de comunicarlle en detalle este plan aos distintos grupos municipais co obxectivo de poder aprobalo en pleno o vindeiro 17 de novembro e abrir o período de solicitudes na primeira quincena de decembro. "Queremos que as axudas destinadas a gasto corrente se convoquen con carácter inmediato", sinalou.

Sánchez Bugallo agradeceu á Deputación a colaboración neste plan, que se concreta na achega dun millón de euros. Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que aínda que a institución provincial só ten competencia en concellos de menos de 50.000 habitantes "a lei permítenos realizar actuacións excepcionais en materia de apoio a cidades e creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai a materializar coa Coruña, con Santiago e con Ferrol".

Esta medida súmase á exención do pago das taxas por terrazas para os locais de hostalería que será debatido en pleno o vindeiro luns, 9 de novembro.

O Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020 de abril contou dotación económica inicial de 5.001.439,69 euros, e contemplou 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Trátase dun plan deseñado para favorecer a dinamización económica do municipio tralo periodo de confinamento, que incidiu, sobre todo, nos colectivos especialmente castigados por esta crise sanitaria, socioeconómica e laboral: persoas autónomas, PEMES e a poboación desempregada.

Compartir: