ALCALDÍA

O alcalde de Santiago espera que as novas restriccións adoptadas pola Xunta "fructifiquen", ao tempo que lle pide compensacións para os sectores máis castigados

04/11/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nunha primeira valoración das novas restriccións adoptadas pola Xunta de Galicia para doblar a curva epidemiolóxica de contaxios por covid-19, reitera o respecto por estas medidas, "e o acatamento e a vontade de cumprir e facer cumprir as directrices que emanan do Comité Clínico".

O rexedor espera que "estes enormes sacrificios que se lle están pedindo á poboación, fructifiquen, e que nos permitan afrontar en mellores condicións esta situación de pandemia". E tamén espera, subliña, "que se habiliten medidas de apoio e compensación aos sectores que economicamente sofren un castigo máis duro, como pode ser o caso da hostalería".

Neste momento, sinala Sánchez Bugallo, "estamos á espera da publicación, no DOG, da orde que regula estas medidas", para coñecer "a letra pequena e o alcance que teñen". Anuncia que xa deu as indicacións para convocar unha Xunta de Goberno extraordinaria o venres pola mañá, para que cada departamento dea conta dos plans específicos deseñados para "dar cumprimento" destas restriccións, "tanto en materia de transporte público, como en deportes, como en materia cultural, en centros socioculturais, etc." Ese mesmo día, indica o rexedor, faranse públicas.

O alcalde engade que "imos traballar a feito para que isto saia ben"; e espera poder salvar "o que sexa salvable da campaña de Nadal. Nós tiñámola preparada para empezar o 5 de decembro, pero vexo que é moi probable que non poida comezar". En todo caso, conclúe, "se non é o 5 é o día 7, e manterémola ata o mes de xaneiro". O alcalde compostelá rematou dando ánimos á cidadanía de Santiago e pedíndolle "responsabilidade".

Compartir: