URBANISMO

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico informa favorablemente a segunda fase do proxecto de colocación de fibra óptica na Cidade Histórica

03/11/2020 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente, entre outros asuntos, a fase 2 do despregue da fibra óptica; e a reforma dos aseos públicos situados na Rúa da Trindade e na Alameda. Ademais, na reunión propuxéronse unha serie de modelos de mamparas ou biombos e de elementos calefactores para as terrazas situadas no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica.

A segunda fase do "Proxecto de infraestutura de telecomunicacións para o despregue de Rede FTTH Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela. Fase 2", conta cun orzamento de execución material de 27.303,21 euros. O proxecto contempla o despregamento da fibra óptica en distintas rúas, entre elas a rúa do Vilar, Rúa Nova, Entrerrúas, Praza do Toural, Bautizados, Praza de Fonseca, Rúa do Franco, Rúa de Fonseca, Rua Raíña, Travesa do Franco, Rúa Rodrígo de Padrón, Entrecercas, Porta Faxeira, Avenida Figueroa, Campo da Estrela, Rúa Senra, Praza de Fonterrabía, Ruela do Peso, Cantón do Toural, Rúa das Orfas, e Entremurallas.

O obxectivo, segundo o proxecto, é dar cobertura ao 100% dos posibles usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a reducción do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada favorablemente, aínda que con condicións, entre as que destacan:

- as arquetas e canalizacións soterradas que requiran de excavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.

- os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmobles.

- as novas caixas ópticas terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.

- o trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.

- as tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.

- a nova rede debe ser compartida con empresas ou operadoradores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposible autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores.

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico tamén informou favorablemente da intervención promovida polo Servizo municipal de proxectos e obras, nos aseos públicos das rúas da Trindade e no parque da Alameda, cun orzamento de execución material de 107.910,60 euros. A reforma dos aseos situados na fachada traseira do Pazo de Raxoi redúcese a unha intervención de conservación e mantemento para mellorar a súa funcionalidade: pintado dos paramentos interiores de paredes e teitos, reparación de revestimento cerámico no aseo de mulleres, e dotación de máis secadores de mans e dispensadores de xabrón. No caso dos aseos da Alameda, requírese unha intervención integral de rehabilitación, cunha nova distribución. O proxecto prevé a substitución de varandas e portas exteriores, e a instalación dun novo conduto exterior de extracción de aire que se trasladará á zona de aseos femininos. Ademais, tendo en conta que polas súas características, os aseos soterrados non son accesibles para discapacitados, sería preciso por en funcionamento o aseo adaptado integrado no quiosco de prensa situado xunto ao estanque de Méndez Núñez.

A Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, en base á documentación achegada pola Asociación de Hostalería de Compostela na que se recolle unha relación de elementos para a climatización das terrazas, acordou propor a autorización dos seguintes elementos no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica (PE-1).

Mamparas ou biombos. Poderanse empregar os modelos que cumplan, entre outras as seguintes características:
- Deberán ser transparentes con paramentos de vidro ou metacrilato e estrutura metálica cun acabado que non sexa brillante nin anodizado.
- Non poderán incorporar xardineiras nen paneis opacos.
- A altura das mamparas será de 1,5 m.
- Irán posuadas sobre o chan e non se permite a súa suxeción con ancoraxes.
- Non poden ter publicidade comercial nin do establecemento hostaleiro.

Elementos calefactores:
- Os calefactores eléctricos poden instalarse nos soportes das antucas ou dos toldos dos establecementos.
- Con carácter xeral poderá autorizarse en calquera terraza do ámbito do PE-1, os calefactores de gas butano/propano con altura de 1,35 cm. e 37 cm. de diámetro, por ser os que producen un menor impacto visual no entorno.
- Con carácter complementario ao anterior, admitirase a utilización dun único elemento calefactor a gas propano ou butano, cunha altura de 2,2 m. de altura nas prazas situadas na contorna da catedral.
- Recoméndase, no caso de elementos calefactores con altura de 2,2 m., que se utilicen estufas a pellets, en lugar de butano.

Tamén se informou favorablemente a reposición de tella cuberta nun edificio da Praza da Quintana, a substitución de carpintería exterior nun inmoble da Rúa Ensinanza; a acometida de gas natural para unha vivenda da Rúa Hospitaliño; e o acondicionamento do portal de acceso a un garaxe na rúa República del Salvador. Pola contra, informouse desfavorablemente a instalación de dous postos de venda ambulante na Praza do Obradoiro.

Ademais de Mercedes Rosón, a Comisión Asesora do Patrimonio Histórico está composta polo concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Ténica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da dirección xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: