XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o pago do convenio asinado coa Asociación Área Empresarial do Tambre para impulsar os obxectivos do pacto pola industrialización de Compostela

03/11/2020 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a xustificación e pagamento das actividades do convenio de cooperación entre a Asociación Área Empresarial do Tambre e o Concello de Santiago de Compostela para fomentar e impulsar o desenvolvemento dun polo de biotecnoloxía e outros obxectivos marcados no pacto pola industrialización de Compostela no marco do Programa Compostela Móvese 2020 COVID-2019. En concreto, aprobouse a xustificación parcial e pagamento da subvención nominativa á entidade empresarial por importe de 27.010 euros.

Na reunión do executivo local tamén se deu conta da concesión da subvención da Consellería de Cultura de novidades editoriais e mellora das coleccións bibliográficas da Biblioteca Pública José Saramago, correspondente ao ano 2020. Son 1.750 euros que se destinarán para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico; e 4.026,67 euros para a mellora das coleccións bibliográficas da citada bilblioteca, que comprende as aulas de lectura dos centros socioculturais de Fontiñas, de Santa Marta, de Vite, de Conxo e do Castiñeiriño.

Ademais, aprobouse o recoñecemento das obrigas derivadas do fallo do xurado do "Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, cunha dotación económica de 9.000 euros (dos cales o concello de Santiago aporta 8.000 e a editorial Kalandraka os 1.000 restantes). Esta cantidade irá destinada ao gañador do concurso, Pietro Gottuso. O premio está suxeito á retención do IRPF do 19%.

Documentos relacionados



Compartir: