Santiago participa nun encontro internacional de expertos do proxecto europeo AtlaS-WH para mellorar a xestión das cidades Patrimonio Mundial

03/11/2020 O Consorcio de Santiago participa no proxecto europeo "AtlaS-WH", centrado na xeración de plans de xestión sostible das Cidades Patrimonio Mundial incluídas na Área Atlántica. Esta iniciativa, liderada pola cidade portuguesa de Porto, conta tamén como socios coas cidades de Santiago, Burdeos e Edimburgo, ás que acompaña ademais Florencia pola súa experiencia na xestión de sitios Patrimonio Mundial.

No marco deste proxecto, hoxe martes e mañá mércores, vaise celebrar o "5º Encontro Internacional", que nesta ocasión, debido á situación sanitaria, será online. Por parte de Santiago participan a xerente do Consorcio da Cidade, Belén Hernández, e a coordinadora do proxecto, a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio Idoia Camiruaga.

Os socios participantes nesta iniciativa buscan melloras de xestión e estratexias que permitan lograr cidades históricas vivas e sustentables desde o punto de vista económico, social e medioambiental. Ademais da protección destes espazos urbanos, preténdese garantir a súa reactivación e revitalización.

O papel de Santiago neste proxecto
O Consorcio de Santiago foi incorporado a este proxecto debido á súa experiencia na xestión e protección do patrimonio. O seu labor céntrase en detectar os desafíos comúns aos que se enfrontan as cidades participantes, a través do estudo dos plans estratéxicos e do planeamento urbano de cada unha delas, analizando a súa situación e problemas concretos. O propósito é chegar a unha liña metodolóxica común de cara a mellorar a xestión e a sostibilidade destas urbes, destacando o valor da participación cidadá en todo este proceso de mellora.

Este estudo de diagnóstico inicial, xa realizado, inclúe o estado do patrimonio en cada unha das cidades, a conservación dos edificios, a situación do espazo público, habitantes, actividades económicas predominantes, medio ambiente, turismo, ferramentas de xestión existentes, ademais do modelo de gobernanza e sostibilidade.

Xunto ao turismo, os desafíos que se lles presentan ás cidade Patrimonio Mundial son a perda de poboación, o modelo económico e de gobernanza, o cambio climático e a eficiencia enerxética. Búscase así desenvolver estratexias e políticas públicas para a xestión sostible destas cidades, así como modelos participativos, abertos á comunidade.

Obxectivos do proxecto
O resultado principal do proxecto serán os Plans de Xestión e Sostibilidade de cada cidade, dirixidos a mellorar a súa protección e atractivo, promover actividades económicas locais e o benestar social das poboacións, ademais do respecto polo medio ambiente para, finalmente, acadar "cidades vivas e con futuro". O proxecto, que se aprobou en 2017 e se prolongará ata maio de 2021, conta cun presuposto global de 1.822.665 euros, dos cales 1.366.998,75 están financiados por Fondos FEDER no programa Área Atlántica.

Compartir: