XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba inicialmente a modificación da ordenanza fiscal que eximirá aos locais de hostalería de tributar polas terrazas en 2021

02/11/2020 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou a aprobación inicial da modificación da Ordenanza Fiscal 3.24, relativa á taxa pola utilización privativa e o aproveitamenteo especial do dominio público local, que eximirá aos locais de hostalería de tributar polas terrazas no ano 2021. Segundo sinalou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, esta medida deriva do compromiso adquirido coa Asociación de Hostalería de Compostela e deberá ser ratificada en pleno para a súa aprobación defintitiva.

A citada modificación consiste na inclusión da seguinte disposición adicional: "Excluir durante o ano 2021 do feito impoñible desta taxa pola utilización privativa e o aproveitamenteo do dominio público local as ocupacións de solo recollidas na letra g, con mesas, cadeiras, tribunas, quioscos de hostalería e outros elementos análogos con finalidade lucrativa". Esta modificación deberá ser aprobada definitivamente en pleno.

Na reunión do executivo local tamén se acordou a tramitación dun expediente modificativo de crédito (modalidade de crédito extraordinario), para o Plan de Sostibilidade Turística. Incluirase unha nova aplicación orzamentaria nun novo proxecto de gasto que se creará desde a oficina de orzamentos para a xestión do proxecto, que conta cun orzamento de 3.000.000 de euros, financiados a partes iguais entre o Goberno Central, a Xunta de Galicia e o concello de Santiago. A aportación municipal será de 1.000.000 de euros, divididos en tres anualidades: 200.000 euro para o ano 2020; e 400.000 euros para os exercicios de 2021 e 2022. O crédito extraordinario finánciase con baixas por anulación da partida destinada ao subministro de electricidade; grazas á minoración do prezo KW/h. e o aforro enerxético de anos anteriores nas infraestruturas de alumeado municipal.

Tamén se aprobou arrendar á Fundación Galicia Obra Social a planta baixa do edificio situado na rúa de Salvador Parga, número 4-5, coa finalidade de destinalo a Centro sociocultural da zona vella, por un importe de 2.904 euros (IVE engadido) para o que queda de 2020. O contrato, de 15 anos de duración, establece uns prezos, sen IVE, de 1.200 euros nas dúas primeiras anualidades; 1.400 euros para a terceira e cuarta ata a decimoquinta; e 1.700 euros para o período de prórroga co correspondente incremento de IPC e IVE. O local conta cunha superficie aproximada de 325 metros cadrados, á que se une o xardín ubicado na parte de atrás de case 245 metros cadrados.

Ademais, a Xunta de GobernoLocal aprobou un convenio de colaboración, co Confederación Galega de Persoas con Discapacidade COGAMI, así como o gasto de 15.000 euros que conleva a súa execución. O seu obxectivo é, segundo explicou o alcalde, apoiar intervencións dirixidas "á inserción sociolaboral e mellora da empregabilidade" de colectivos en risco de exclusión social; así como o seu "adestramento en competencias e habilidades de autonomía persoal e relación coas redes de apoio social". O rexedor sinalou que está previsto asinalo inmediatamente e que entre en vigor "con carácter inmediato".

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de modificado das obras de reurbanización da Rúa Clara Campoamor, financiado con Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cun gasto de 97.070,59 euros, IVE engadido. Esta partida destinarase á substitución da varanda, reposición e impermeabilización dun edificio afectado polos anteriores traballos, e pulido do formigón da praza. O prazo de execución estenderase a dous meses a contar dende a sinatura da acta.

Outro dos asuntos aprobados foi o expediente de aluguer dun local situado na Casa Parroquial de Barciela para uso sociocultural e asociativo da parroquia, no lugar de Sigüeiro. Acordouse a súa adxudicación ao Arzobispado de Santiago de Compostela, propietaria da devantida Casa Parroquial por un importe de 450 euros, IVE engadido. Tamén se deu conta do convenio mediante o cal o Consorcio e o Concello de Santiago colaborarán na redacción do Plan especial de Protección e Rehabilitacioin da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo cos seus xardíns e hortas, así como a zona de acceso e núcleos da contorna incluidos no Plan Especial 1R.

Estación de tren
Na rolda de prensa, Sánchez Bugallo quixo facer referencia novamente á inclusión no proxecto dos orzamentos do Estado de consignación presupostaria para a estación do AVE. "Paréceme un paso absolutamente imprescindible e decisivo" que requiere para que se materialice, engadiu, "que os orzamentos sexan aprobados" e que se "deixe sen efecto a cláusula do convenio de 2016" dos 3'5 millóns de pasaxeiros.

Evolución da covid
Sobre a evolución da covid, o alcalde congratulouse da lixeira baixada dos casos activos o domingo, a primeira desde o 6 de outubro, que lle permiten falar dunha "certa estabilización" á espera da evolución dos mesmos. "Aínda queda moito camiño por pecorrer", lembrou, pois as cifras en Santiago están, de momento, nos 450 casos por 100.000 habitantes.

Agarda o rexedor que "o conxunto de medidas e os sacrificios" estean pagando a pena, e sobre as posibles decisións que mañá poida tomar o comité clínico, Sánchez Bugallo reiterou que "só nos queda acatalas e facelas cumprir".

Documentos relacionados



Compartir: