MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago traballa nun novo Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable

04/11/2020 O obxectivo do plan é diminuír nun 40%, como mínimo, as emisións de gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030 e está invitada a achegar propostas para mitigar o cambio climático toda a veciñanza de Santiago a través da páxina web http://santiagodecompostela.gal/paces/

Santiago de Compostela foi un dos primeiros concellos galegos adheridos á iniciativa da Comisión Europea denominada Pacto das alcaldías contra o cambio climático. Antes de que remate 2020, o Concello proponse renovar o seu compromiso coa mitigación do cambio climático aprobando un plan de acción que diminúa en máis dun 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030.

O termo municipal de Santiago emitiu á atmosfera 588.329 toneladas de CO2 en 2015, é dicir 6,2 toneladas por habitante, o cal se sitúa por riba da media española para ese ano (5,7 toneladas CO2/habitante). O Concello traballa agora nun novo Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) que actualice os datos de emisións municipais e propoña novas accións, ademais de analizar os riscos climáticos que afectan ao municipio no curto prazo e propoñer adaptacións que limiten os impactos e aumenten a resiliencia ante fenómenos crecentes como son os lumes, os períodos de seca ou as inundacións.

Para chegar a cumprir os obxectivos de diminuír un mínimo do 40% as emisións de CO2 en Santiago de Compostela é preciso tomar unha serie de medidas relativas á mellora da eficiencia enerxética, á potenciación das enerxías renovables, á mobilidade sostible, á concienciación etc. Ademais, é importante ter en conta a realidade territorial de Santiago de Compostela e a interconexión con outros plans e proxectos municipais.

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, sinala que "é preciso ter en conta que un goberno local non pode incidir sobre todas as políticas, pero si pode tomar medidas que afectan aos seus propios consumos. Por exemplo, pode instalar paneis solares nos edificios municipais ou cambiar a flota de vehículos de combustión por eléctricos ou GLP. Tamén pode tomar medidas que fagan fincapé na redución dos consumos privados propiciando a circulación en bicicleta ou promovendo o uso de enerxías renovables nos fogares e nos comercios. E pode levar a cabo medidas de asesoramento e formación como as emprendidas coa Tropa Verde ou o proxecto Descarbonízate".

O PACES no que está a traballar o Concello de Santiago de Compostela é un documento no cal os gobernos locais de toda Europa expoñen a súa estratexia de redución de emisións de CO2, así como as súas ideas para adaptarse ao cambio climático e camiñar cara a unha maior eficiencia enerxética. A veciñanza de Santiago de Compostela non só pode, senón que debe participar do proceso de elaboración do PACES, para o cal o Concello habilitou unha canle online: http://santiagodecompostela.gal/paces/

Compartir: