POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello achega 12.000 euros á Plataforma polo Emprego para programas de promoción social e inserción laboral

19/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá o convenio de colaboración con Miguel Fernández Blanco, representando da entidade Plataforma polo Emprego, nun acto ao que tamén asistiu a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro.

En virtude do devandito convenio, o Concello achega a cantidade de 12.000 euros que a Plataforma polo Emprego destinará á realización de tres programas a desenvolver durante este ano coa poboación inmigrante e retornada do municipio: titorías individuais para a inserción laboral; formación grupal para a adquisición de coñecementos para o emprego por medio das novas tecnoloxías e inmersión lingüística; e actividades interculturais.

Titorías individuais para a inserción sociolaboral
O obxectivo da primeira das actividades subvencionadas é a adquisición dos recursos e habilidades sociais básicas para a busca de emprego e está destinada a 20 persoas migrantes desempregadas ou con emprego precario de 16 ata 60 anos.

Coa participación da persoa interesada, deséñase o plan personalizado de inserción co obxecto de facilitar a súa integración no mercado laboral. Nas primeiras entrevistas obtense información da súa situación laboral, formativa, familiar e socioeconómica, que serve de punto de partida para coñecer os seus recursos, as súas competencias e as súas posibilidades de emprego.

Para poder levar a cabo o plan personalizado de inserción laboral é moi importante conseguir o compromiso da persoa para unha procura activa de emprego. O plan personalizado de emprego pasa por varias fases: adestramento e habilidades sociais e técnicas para o emprego, procura de emprego, inserción á formación prelaboral e intermediación laboral. As fases de actuación pódense dar de xeito consecutivo ou simultáneo.

Formación grupal para a adquisición de coñecementos para o emprego por medio das novas tecnoloxías e inmersión lingüística
Por medio desta acción grupal quérese conseguir que as e os participantes adquiran unhas destrezas no uso das novas tecnoloxías e recursos persoais e sociais que lle axuden na súa empregabilidade. Por outro lado, búscase conseguir unha boa intercomunicación coa cultura de acollida e facilitar o acceso a lingua galega.

A actividade está pensada para un grupo de 8-10 persoas migrantes desempregadas ou con emprego precario de 16 a 60 anos

Actividades interculturais
Propóñense tres accións para contribuír a visibilizar e sensibilizar sobre a realidade intercultural do concello de Santiago. Dúas delas consisten en encontros/conversatorios para sobre as causas socioeconómicas e políticas que motivan os fluxos migratorios e para analizar os procesos migratorios dende a ollada das persoas protagonistas.

Por outra banda, tendo en conta que comida é un elemento importante da identidade cultural dun país, subvenciónase unha actividade de cociña intercultural de pratos típicos e un festival intercultural onde ademais de comida se conta con outras expresións culturais como a música, a poesía e demais expresións artísticas de Latinoamérica, África e Galicia.

Compartir: