ACCION CULTURAL

Marta Abal visita a exposición "Carvalho Calero, a voz presente" que se pode ver ata mañá na biblioteca Ánxel Casal

16/10/2020 A concelleira de Acción Cultural en funcións, Marta Abal, estivo presente hoxe na visita institucional á mostra itinerante "Carvalho Calero, a voz presente" que estará exposta na biblioteca Ánxel Casal ata mañá, 17 de outubro. Componse de 12 paneis que amosan a vida, obra e pensamento deste insigne galeguista. Unha liña de tempo que destaca en orde cronolóxica os acontecementos máis relevantes de cada unha das etapas vitais do autor ferrolán. Así mesmo, a súa pegada vital e intelectual é clasificada en diferentes paneis nos que a voz de Carvalho adquire todo o protagonismo a través dos seus propios textos.

A concelleira destacou o labor de OUVIRMOS e dos comisarios Carlos Quiroga e Xosé Luis Rodríguez, no o deseño e produción da mostra "que pon en valor a traxectoria, tanto persoal como profesional, deste escritor, crítico, filólogo e lingüista galego ao que este ano lle adicamos o Día das Letras Galegas". Foi na intervención realizada durante a visita institucional, na que tamén estaban presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes; o presidente da Associaçom Galega de Lingua (AGAL), Eduardo Sanches Maragoto; o director da biblioteca, Jesús Torres Junquera; e o comisario da mostra, Carlos Quiroga Díaz.

A través desta exposición, engadiu Marta Abal, "coñeceremos ao Carvalho Calero divulgador e percorreremos a súa traxectoria vital, ademais de achegarnos á súa visión reintegracionista e ao seu pensamento sobre a nosa lingua". Sinalou ademais, en que as isntitucións representadas na visita institucional, Concello de Santiago, Real Academia Galega,e Xunta de Galicia, "poñemos todo o noso esforzo e vontade para que Santiago de Compostela sexa non só un referente cultural, senón un emblema para o sector literario". "Fomos", recordou, "a primeira cidade que unha vez finalizado o estado de alarma, inaugurou unha Feira do Libro e, sen ir máis lonxe, estamos a celebrar" ata o domingo, a SELIC, a Semana do Libro de Compostela.

"A voz presente" é unha exposición realizada pola AGAL e a Xunta de Galicia e executada por Ouvirmos, S.L. que conta con Carlos Quiroga e José Luís Rodríguez (USC) como comisarios. Enmárcase dentros actos das Letras Galegas 2020, adicadas ao escritor ferrolán, e despois de Santiago, trasládase ata a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, onde se poderá ver entre o 20 de outubro e o 3 de novembro.

Compartir: