MOBILIDADE

Xunta de Goberno extraordinaria na que se deu conta do convenio asinado co executivo galego e coa Deputación da Coruña para a adquisición de tres vehículos de emerxencias

14/10/2020 O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muiños, deu conta, na Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada este mediodía, do convenio entre o concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Deputación provincial da Coruña para colaborar nos gastos da adquisición dun vehículo todo camiño, un todo terreo e un furgón.

O citado convenio asinárono o luns, día 5 de outubro, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, eo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Nel establécense as bases de colaboración para a adquisición dos tres vehículos, debidamente equipados para a atención ás emerxencias; e aos que se destinará un orzamento de 120.000 euros. A Xunta de Galicia aportará 55.000 euros; a Deputación da Coruña outros 55.000; e o concello de Santiago 10.000 euros.

Serán por conta do concello todos os gastos de matriculación, seguros, etc.; así como o manexo, mantemento e eventuais reparacións dos vehículos e dos equipos de emerxencia. Así mesmo, o concello aportará a dotación de persoal necesario, tanto en número como en formación e aptitude, para o manexo dos equipamentos de emerxencia e as intervencións nas que o grupo fora requirido.

O convenio tamén establece que o concello colaborará coa Xunta de Galicia na prevención de riscos, autoprotección, e na xestión de emerxencias de ámbito local ou comarcal, dentro das súas posibilidades técnicas e de persoal, cando asi fora requirido polas autoridades de protección civil.

O obxectivo desta adquisición é reforzar o servizo de protección civil e emerxencias nos labores, entre outros, de prevención, promoción, divulgación, información e socorro dos peregrinos e peregrinas que camiñan polas diferentes rutas cara a Santiago de Compostela, así como nos actos de concentración de persoas programados.

Compartir: