ACCIÓN CULTURAL

En outubro comeza o novo curso de música galega impartido por aCentralfolque en distintos Centros Socioculturais da cidade

09/10/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón participou no acto de presentación do novo curso de música galega que organiza aCentralfolque; xunto a Mauro Sanín, coordinador da Escola de Música da entidade; e a Paulina Ceremuzynska, mestra de canto e técnica vocal. As distintas accións formativas, que contan co apoio do concello de Santiago, desenvolveranse a partires de outubro en diferentes centros socioculturais da cidade. Están pensadas para todos os públicos, abarcan diversas especialidades, e impartiranse a nivel individual e/ou colectivo.

Mercedes Rosón deulle os parabéns polo seu vixésimo aniversario e destacou o labor que realizando para "pór en valor, dinfundir, e formar a varias xeracións nese legado cultural, nese patrimonio inmaterial tan rico que nos distingue como pobo e como cultura". A concelleira de Acción Cultural tamén agradeceu a colaboración de aCentralfolque na SELIC, a Semana do Libro de Compostela. O domingo día 11 actúan nos Xardíns de Fonseca, ás sete da tarde, cunha das manifestacións máis importantes da tradición oral: os versos de cordel. Uns cantos que acompañarán con música de zanfona, un instrumento moi representativo da música galega.

Mauro Sanín destacou a transversalidade da docencia impartida, que "durante estes 20 anos adaptouse ás circunstancias do momento. Hai dúas décadas, sinalou posibilitamos o ensino individualizado. Foi o que nos diferenciou. Agora a situación é diferente, hai moitos centros análogos ao noso. Alumnado que pasou pola nosa escola son agora mestres neses lugares.". "Estamos orgullosos", engadiu, "de crear esa estrutura, e esperamos continuar ofertando esa docencia". Sanín explicou que este ano, polas condicións especiais da pandemia, "hai unha merma nas matrículas dun 50 por cento, pero a maioría da xente que xa estaba, continúa".

Sobre os cursos monográficos, sinala que van intentar "deseñalos a partir de xaneiro febreiro" no Centro Sociocultural da Trisca, en función de como evolucione a pandemia. Agora, "en cumprimento das medidas de seguridade" o aforo é de nove persoas". Destacou que cada semana se axustarán as accións formativas aos protocolos anticovid, e que se combinará a "realidade do ensino presencial co ensino "online". Ainda así aclara que o ensino de música debe ser presencial porque "a experiencia non é a mesma". Van intentar, conclúe, asegurar esa presencialidade, e niso están traballando cos centros socioculturais. Paulina Ceremuzynska incidiu na dificultade de organizar un curso de canto e música en xeral nas actuais circunstancias. E explicou que as clases de cantos se poden impartir, dependendo do que solicite o alumnado, en tres modalidades; online, presencial (en aulas ventiladas) e mesturada, combinando a presencialidade e a vía telemática.

aCentralfolque
aCentralfolque leva vinte anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas desde que abriu as súas portas no curso 2000-01, no chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo até o ano 2008, ano en que trasladou a súa sede a Santiago de Compostela. Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención para os músicos de toda Galicia que podían atender a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a zanfona ou o acordeón diatónico. Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, aCentralfolque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega.

A escola de aCentralfolque é un centro de ensino dinámico no que prima a calidade da relación entre mestre e alumnado. A súa metodoloxía baseáse na transmisión do legado da música popular galega e no acompañamento do alumando na búsqueda da súa propia voz dentro da escena contemporánea. Para isto, a escola é coñecida por contar cun equipo de profesores excepcional formado por algunhas das figuras máis relevantes da escena musical galega. Mestres coma Óscar Fernández, Sergio Cobos, Paulina Ceremuzynska, Sergio de la Ossa, Roberto Sala ou María G. Blanco forman parte dese profesorado, ao que se suman outros músicos convidados regularmente a impartir aulas maxistrais nos Monográficos que se celebran puntualmente ao longo de todo o ano en especialidades tan diversas coma birimbao, canto e pandeireta, canto en grupo, frauta irlandesa, zanfona para crianzas, etc.

A historia de aCentralfolque é unha historia de loita pola divulgación da música popular galega e pola mellora da súa situación no contexto contemporáneo. Segundo sinalan, os apoios de institucións públicas que axudan a manter esta iniciativa son do Concello de Santiago de Compostela principalmente, e da Deputación de A Coruña.

Documentos relacionados



Compartir: