PLENO

Os festivos locais para o 2021 serán os días da Ascensión e de San Roque

08/10/2020 O pleno da corporación, nunha sesión extraordinaria celebrada hoxe, determinou os festivos locais para o vindeiro ano. Nesta ocasión volven ser o día da Ascensión, que en 2021 será o 13 de maio, e o 16 de agosto, San Roque.

Nesta sesión deuse conta, así mesmo, da designación de membros do grupo municipal socialista na Comisión informativa da área do social, cultural, participación, igualdade e transparencia.

O pleno debateu tamén as cinco mocións que quedaran aprazadas da última sesión ordinaria. Dúas delas foron aprobadas por unanimidade: a relativa á implementación de medidas urxentes para conservar o emprego na hostalería, e outra que manifesta o rexeitamento do Pleno a respecto da comisións abusivas das entidades financeiras.

Na primeira, os grupos municipais acordaron instar a Xunta de Galicia a establecer canles de diálogo co sector para consensuar un plan de rescate con medidas económicas e axudas directas para manter o emprego e dinamizar a hostalería galega; a reconsiderar as restricións de apertura dos locais de ocio nocturno nos mesmos termos que os establecidos para o resto de locais de hostalería, de acordo co Comité científico que asesora á Xunta de Galicia; e a aprobar exencións de tributos autonómicos á hostaleira, como mínimo ata o verán de 2021. Ao gobernó do Estado solicítaselle o mantemento dunha prorroga permanente dos ERTE ata a plena recuperación do sector; axudas directas aos traballadores e traballadoras autónomas que non poidan abrir os seus negocios; e a aproción dunha exención nas cotas de seguridade social, como mínimo, ata o verán do 2021. A moción remata instando ao correspondente órgano de goberno local a aprobar a extensión das exencións das taxas de terrazas ao longo do ano vindeiro; a facilitar a actividade no exterior dos locais, permitindo ata a semana santa de 2021 o uso de estufas de calefacción, como mobiliario desmontable, e preferentemente eléctricas ou abastecidas con enerxías renovables, e mamparas igualmente desmontables; a valorar a consignación no orzamento de 2021 dunha partida axeitada que permita a convocatoria de axudas, entre outras como as convocadas en 2020, para autónomos e PEMES especialmente pertencentes ao sector da hostaleira; a manifestar a comprensión do Pleno da Corporación ás reivindicacións e mobilización do sector diante da gravidade da crise da Covid-19.

No que respecta á segunda das mocións conxuntas, acordouse trasladar ás entidades financeiras o rexeitamento por parte do Pleno da corporación da aplicación de comisións e gastos abusivos sobre as contas correntes; amosar o apoio e solidariedade do Pleno do Concello de Santiago coas persoas afectadas e coas mobilizacións e protestas dos clientes das entidades financeiras; solicitar ás entidades financeiras a devolución das comisións cobradas no mes de xuño, e a súa eliminación no futuro; e instar ao Goberno a que promova ante o Ministerio de Economía que se garanta que aos clientes das entidades financeiras non se lle apliquen comisións e gastos abusivos.

Compartir: