XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago cede unha parcela a COGAMI por un prazo de 25 anos para a construcion da súa sede central en Galicia

05/10/2020 A Xunta de Goberno Local acordou outorgar á Confederación Galega de persoas con Discapacidade (COGAMI), por un prazo de 25 anos, unha concesión demanial sobre a parcela EQ-Leste do SUNP-4 nas Cancelas para a construción dun edificio adaptado destinado a sede central da entidade en Galicia e dos tres centros de emprego Combina Social, Activa e Ges. O Concello reserva para si a titularidade do inmoble. Sindo Guinarte, secretario da Xunta de Goberno informou dos acordos adoptados, entre os que tamén destaca a aprobación da licenza do proxecto modificado para obras de adecuación da ala sur do Convento de San Domingos de Bonaval, por un importe de 2.325.017,88 euros, solicitada polo Consorcio de Santiago.

Na reunión de Xunta de Goberno tamén se acordou declarar o peche da convocatoria das bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares do curso 2019/2020, xa rematada, e proceder á liberación de 204.330 euros. Esta cantidade está previsto que se destine á Renda de Garantía Básica.

Aprobouse ademáis, o proxecto técnico de rexeneración do pavimento da calzada da rúas Clemente Fernández Sarela e Fernando de Casas Novoa. O orzamento total da obra é de 347.699,51 euros, IVE engadido, e conta cun prazo de execución de 3 meses.

A Xunta de Goberno tamén acordou a aceptación da subvención da Deputación Provincial da Coruña, cun importe de 344.787,90 euros, para financiar a execución dos investimentos incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e investimentos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS + ADICIONA 2/2020, que son a "Mellora do tramo viario dende o entorno da N-550 en Barciela ata Casas de Arriba en Cesar: tramo da igrexa de San Andrés de Barciela ata cruce de Candelabeira", por 260.000 euros; e a "Ampliación da rede de abastecemento en Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín", por 84.787,90 euros.

Contratos
Segundo informou Sindo Guinarte, en Xunta de Goberno acordouse adxudicar o contrato de "Servizo de actualización da cartografía SIG de referencia municipal a escala 1:500 no ámbito da Cidade e a escala 1:1000 no resto do termo municipal de Santiago de Compostela, e a xeración dunha TRUE-ortofotografía dixital de resolución 10 cm" a favor da empresa TRACASA INSTRUMENTAL SL, por un importe total de 96.800 euros, IVE engadido.

A proposta do concelleiro de Medio Rural tamén se acordou adxudicar o contrato de execución das obras definidas no "Proxecto de reforzo do firme da estrada de Chaián entre Marzo de Abaixo e límite do termo municipal" á empresa CONSTRUCCIONES J. MAURI E HIJOS SL, por un importe total de 63.826,97 euros, IVE incluído, ao ser a súa oferta a mái vantaxosa das presentadas.

Convenios
A proposta da concelleira de Políticas Sociais, aprobouse o texto de dous convenios de colaboración para o ano 2020 coa "Asociación para la Lucha Contra las Enfermedades del Riñón (ALCER Coruña), por unha contía de 4.000 euros; e coa Asociación de Pais de Persoas con Transtorno de Espectro Autista (T.E.A.) da provincia da Coruña (ASPANAES) por 3.000 euros.

A proposta da Concellaría de Igualdade aprobouse o texto do convenio de colaboración para o ano 2020 coa USC por 11.000 euros. E a proposta do departamento de Acción Cultural, aprobouse a sinatura doutros tres convenios coa Asociación O Galo, por un importe de 5.000 euros, coa Asociación Cultural Cidade Vella, por un importe de 20.000 euros, e co Ateneo de Santiago, tamén por un importe de 20.000 euros.

Tamén se deu conta das sinaturas dos convenios coas asociacións locais de comercio para levar a cabo o programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro polos seguintes importes: Fundación Santiago Centro Área Comercial (29.166 euros), Asociación de Empresarios e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental (29.166 euros), Asociación Em Rede de iniciativas empresarias de Santiago e comarca (5.000 euros) e Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto (36.666 euros).

Outros
Tamén se deu luz verde, a proposta da concelleira de Deportes, ao expediente de "Prestación do servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fria de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais", coa aprobación do gasto, establecéndose un tipo de licitacion de 84.461,92 euros; e a apertura do procedemento de adxudicación. Mentras non se adxudique, aprobouse unha nova orde de continuidade do citado servizo, que está a desenvolver a empresa ASGRONERGA S.L. por un tempo estimado de 2,5 meses a contar desde o pasado 27 de setembro e ata o 11 de decembro, cun orzamento para este periodo de 3.729,61 euros, IVE engadido.

Tamén a proposta da concelleira de Deportes, a Xunta de Goberno Local aprobou a autorización especial de uso, a favor da Real Federación Galega de Fútbol, con carácter gratuito, do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, para a organización da final da categoría programada para o domingo, 11 de outubro. O uso deberá realizarse a porta pechada, sen público, seguindo os protocolos sanitarios en vigor.

Ademais aprobáronse 145 resolucións de beneficios fiscais de IBI (Imposto de Bens inmobles), IIVTNU (Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terrenos de Natureza Ubana), ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) e IVTM (Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica). Tamén se deu o visto bó ás concesións de exención nas taxas pola subministración de augas residuais e prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos; e desestimáronse dous recursos de reposición relativos a bonificación do IBI e outro relacionada coa exención do IIVTNU. Tamén se denegou unha solicitude de bonificación relacionada co imposto do ICIO, e unha solicitude de exención do IVTNU, por non cumpriren os requisitos esixidos.

Documentos relacionados



Compartir: