PROMOCIÓN ECONÓMICA

A VI Maker Faire Galicia, na que colabora o Concello, será online e contará cunha xornada destinada en exclusiva á educación

05/10/2020 A VI Maker Faire Galicia, unha das feiras maker máis importantes de Europa, e na que colabora o concello de Santiago de Compostela, desenvolverase este ano 100% online e contará por primeira vez cunha xornada destinada en exclusiva á educación. O novo formato permitirá que esta sexta edición da feira de innovación se poida seguir desde todo o mundo, o que permitirá fortalecer os valores diferencias da cita no referido ao coñecemento compartido e ao seu carácter interactivo.

O evento celebrarase do 18 ao 22 de novembro a través dunha plataforma que integrará un Museo Gaiás Virtual. Contará con dúas xornadas profesionais, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro, e que estarán organizadas por sectores, poñendo en valor aqueles onde Galicia ten un gran potencial como son a alimentación, saúde, aeronáutica, automoción, enerxía e téxtil.

O 20 de novembro será a quenda para a educación, con relatorios arredor da tecnoloxía, a innovación educativa ou a inclusión. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán nun formato elevator pitch (é dicir, a través de presentacións breves sobre os diferentes proxectos) para elixir ao máis innovador.

Por último nas xornadas abertas, os días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.

Con este programa, moi variado e coa participación de referentes e especialistas en distintas áreas de coñecemento, a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.

As empresas, centros educativos, asociacións ou makers que desexen participar na feira poderán presentar os seus proxectos ata o 15 de outubro. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.

Ademais do apoio do concello, esta Maker Faire Galicia conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Compartir: