ACCIÓN CULTURAL

Arranca a 17ª edición de Curtocirctuíto

03/10/2020 O Festival Internacional de Cine comezou hoxe, sábado 3 de outubro, a súa 17ª edición e ata o día 11 converterá a Santiago de Compostela en lugar de encontro da comunidade audiovisual internacional. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou no acto de inauguración xunto con Jacobo Sutil, director de AGADIC; Xurxo Couto, diputado responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña; e Pela del Álamo, director do festival.

Curtocircuíto programará un ano máis unha selecta proposta de contidos que mostrarán as últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais. A contemporaneidade, o risco e a exploración formal serán novamente as premisas que guiarán ao festival.

A inauguración veu da man do compositor, artista sonoro e investigador multidisciplinar Elías Merino, que transformou a Sala Capitol de Santiago con SYNSPECIES, a súa impactante proposta audiovisual e musical. O proxecto está inspirado en ecoloxías virtuais e espazos morfolóxicos inestables que emerxen dunha interacción devastadora de entidades audiovisuais coexistentes co baleiro.

O alcalde salientou que "é esencial manter a programación porque o sector da cultura é un dos que máis están sufrindo. É un compromiso importante para nós apoiar ao sector cultural". Engadiu ademáis que "nos sentímonos moi orgullosos de ver como Curtocircuíto creceu nestes anos ata converterse nun evento cultural de gran importancia. O ano que vén cumplirá 18 anos, que é unha data especial como tamén o será o 2021 para a cidade de Santiago. Seguro que faremos un festival excelente".

Tras o arranque e ao longo de toda a semana, películas de cineastas como Marie Losier, Lois Patiño, Laura Huertas Millán, Jessica Sarah Rinland, Ben Rivers, Lynne Sachs, Oskar Alegria, Luke Fowler, Rainer Kohlberger ou Mark Rappaport, entre outros moitos, atoparanse na gran pantalla de Curtocircuíto. A estrea mundial de Untitled de Takashi Makino e a estrea en España en 4 K da copia restaurada de Out of the Blue, película de culto de Dennis Hopper, serán dous dos pratos fortes do festival.

Curtocircuíto proporá outras actividades para ofrecer novos puntos de vista acerca da realidade que nos rodea como os concertos protagonizados por Javier Díez Ena, Amorante e Julián Mayorga ou as entrevistas e mesas redondas online, a cargo dalgúns dos perfís máis interesantes do panorama actual como son Alex Cox, John Alan Simon, Carla Simón, Oliver Laxe, Celia Rico, Cristina de Middel, José Luis Cienfuegos ou Ricardo Cases, entre outros moitos. A proxección do documental Where Does a Body End que retrata a historia da banda de rock industrial SWANS enriquecerá o diverso programa desta edición.

Este ano Curtocircuíto amplía a súa habitual colaboración con Filmin para converter a plataforma en sede online do festival. Así, afeccionados e profesionais de todo o territorio estatal poderán gozar da programación de varias secciones entre as que se inclúen a Sección Oficial (Radar + Explora), Penínsulas e o Foco Dennis Hopper.

Compartir: