CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia vai retransmitir os 24 concertos desta temporada en directo por streaming en aberto para todo o público

02/10/2020 Mentres o aforo estea reducido a 60 persoas, as entradas de cada concerto poranse á venda os luns ás 10:00 horas en www.compostelacultura.gal. Cando aumenten os aforos, os abonados da temporada pasada poderán reservar entrada os luns e martes e o resto do público a partir do mércores

A vindeira semana, o xoves 8 de outubro, estréase a temporada 2020-21 da Real Filharmonía de Galicia, unha temporada especial, que coincide ademais coa conmemoración do seu 25º aniversario, pero tamén inusual, debido á actual situación sanitaria, cos aforos da sala moi reducidos, polo que non se van realizar abonos.

Sempre e cando as condicións sanitarias o permitan, a RFG ten previsto realizar 24 concertos no Auditorio de Galicia, e cos aforos que estean establecidos en cada momento segundo a evolución da pandemia; e que garantan a seguridade do público, os músicos e o persoal técnico.

Así, mentres a situación epidemiolóxica non cambie e o aforo estea reducido a 60 persoas, iranse poñendo á venda as entradas para cada concerto o luns de cada semana ás 10:00 horas na web www.compostelacultura.gal.

Cando cambien estas restricións e aumenten os aforos na sala, os abonados da temporada pasada poderán facer efectiva a reserva para ese concerto da semana o luns e o martes a través de www.compostelacultura.gal. O resto do público poderá adquirilas a partir do mércores.

Retransmisión en directo por streaming
Co fin de chegar ao maior número posible de público, os 24 concertos que a RFG vai celebrar na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, serán retransmitidos en directo por streaming. Poderán seguirse a través da súa canle de Youtube (https://www.youtube.com/user/FilharmoniaGalicia), do seu Facebook (https://www.facebook.com/RealFilharmoniadeGalicia) e da Plataforma Tolemias (www.tolemias.tv e app iOS/android). Pódese consultar o programa da temporada 2020-2021 da RFG neste enlace.

Compartir: