PROMOCIÓN ECONÓMICA

A asemblea de REDEL, entidade da que forma parte o concello de Santiago, recoñece o importante papel xogado desde o inicio da pandemia polas entidades locais

01/10/2020 A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, REDEL, da que forma parte o Concello de Santiago de Compostela, recoñece, na asemblea xeral celebrada onte e hoxe o importante papel xogado polas entidades locais desde o inicio da pandemia. O conxunto de entidades locais participantes no encontro, que se desenvolveu telemáticamente, mostraron un compromiso decidido pola reactivación económica e social dos seus municipios axudando a paliar o impacto negativo da pandemia en empresas, emprendedores, persoas desempregadas e no conxunto do territorio.

Na Asemblea destacouse a coordinación acadada entre os diferentes departamentos municipais para pór en marcha as medidas, unha boa práctica que se quere manter no tempo. Durante o estado de alarma as intervencións centráronse, principalmente, en tres tipos de medidas, implementadas tamén, en maior ou menor grao, desde o concello de Santiago.

Ofrecer un servizo de Información e asesoramento específico con información actualizada permanentemente precisa e clara. Este servizo permitiu á súa vez recoller as demandas e necesidades dos comercios, empresas, asociacións e dispor de diagnósticos en cada territorio, A intervención das entidades locais foi fundamental para responder as consultas da sociedade. O estado de alarma xerou unha gran incerteza e desconcerto en especial, durante os primeiros meses. Practicamente cada día publicábanse novas medidas e os teléfonos xerais dos servizos de emprego estatal e autonómicos estaban saturados, moita xente chamaba desesperada porque non conseguía que ninguén lle atendese. Durante o estado de alarma atendéronse 127. 913 consultas.

Financiamento: para paliar os problemas de liquidez e financiamento das empresas, as entidades locais tomaron diversas medidas: suspensión e ampliación de prazos de tributos municipais (taxas de recollida de residuos, terrazas,.. ), suspensión de pagos de alugueres por parte das empresas aloxadas nos viveiros e incubadoras, axudas económicas a autónomos e pemes (cotas da SS, arrendamento de local, adaptación de negocios, custos financeiros) axudas económicas á conciliación, microcréditos para autónomos e pequenas empresas... Nesta liña moitas entidades apostaron polo mantemento dos contratos públicos: con provedores locais como medida de apoio.

Medidas de seguridade e hixiene e teletraballo: as entidades locais axudaron a adoptar as novas medidas de seguridade e hixiene por parte dos comercios e empresas ofrecendo asesoramento e formación para a posta en marcha dos protocolos así como coordinando a fabricación e distribución de equipos de seguridade (máscaras, viseras, xel hidroalcohólico) xunto con asociacións makers, centros de formación profesional, voluntarios, servizos de loxística, etc.

Durante estes meses traballouse, en paralelo no deseño de plans de reactivación socio-económica co obxectivo de pór en marcha novas medidas de apoio a medio prazo. A crise evidenciou a importancia das relacións entre os diferentes axentes: entidades sociais, asociacións empresariais, institucións,.. e até que punto o feito de contar cunha visión compartida sobre a realidade dun territorio e compartir unha estratexia axuda a que as políticas que se poñan en marcha sexan máis eficaces.

Entre as medidas postas en marcha destacan as seguintes:

Estímulo do consumo local e do produto local: todas as entidades adoptaron medidas para promover o consumo directo no comercio, hostalaría e establecementos do municipio a través de bonos, campañas de sensibilización á cidadanía sobre a importancia de comprar no comercio local, desenvolvemento de plataformas e aplicacións de compra local en liña, etc.

Plans para garantir o acceso e mantemento do emprego: plans locais de emprego, axudas para a contratación e reactivación de ERTEs, programas de formación e emprego parar reorientar a profesionais que proveñen doutros sectores cara a sectores que están a crecer e xerando oportunidades de emprego como o TIC.

Plans de reactivación económica do tecido empresarial: asesoramento e formación para adaptar os modelos de negocio, mellorar as vendas e o financiamento principalmente.

Plans de dixitalización: axudas e soporte técnico a empresas e comercios do municipio para desenvolvemento de plans de dixitalización personalizados e formación en competencias dixitais. Mercadotecnia dixital, comunicación en redes sociais, fidelización da clientela e comercio electrónico son as medidas máis demandadas.

REDEL
REDEL, a Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, da que o concello de Santiago de Compostela é socio fundador, xorde como resposta á necesidade que existe de colaborar e traballar entre as axencias locais para ampliar os coñecementos adquiridos pola experiencia de cada socia/o e innovar e desenvolver proxectos conxuntamente, así como exercer un lobby. Naceu no ano 2008 como unha Rede de entidades expertas en desenvolvemento local que traballa para a mellora continua das organizacións a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

REDEL, por tanto, está formada por un conxunto de Axencias de Desenvolvemento Económico Local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios españois, e ten a vocación de constituírse nun referente para este tipo de entidades, as instancias políticas que as apoian, os profesionais que forman parte delas e, en xeral, os diversos actores que interveñen no deseño e a xestión das políticas de desenvolvemento económico local no noso país.

En REDEL quérese recalcar o importante papel que as políticas de desenvolvemento económico local viñeron desempeñando no tres últimas décadas no noso país en ámbitos como a promoción do espírito emprendedor entre a poboación; a mellora das posibilidades de acceder a un emprego, especialmente para colectivos desfavorecidos; o fortalecemento dos sistemas produtivos locais; a dinamización comercial e turística dos nosos municipios, comarcas e provincias; entre moitos outros. A proximidade ao territorio, ás persoas e ás empresas que viven, móvense e levan a cabo as súas actividades nel, das entidades que despregamos estas políticas foi, é e será a clave principal dos éxitos conseguidos.

As 26 entidades de desenvolvemento local asociadas a REDEL ofrecen os seus servizos a un total de 1.458 municipios cuxa poboación ascende a 24.731.312 habitantes. O equipo humano está composto por 1.750 profesionais.

Compartir: