ALCALDÍA

O concelleiro Rubén Prol asume as competencias en Educación

25/09/2020 O alcalde de Santiago deu conta en rolda de prensa dos cambios no goberno a raíz da toma de posesión, onte, de Rubén Prol coma concelleiro. Encargarase das antigas carteiras de Noa Díaz a excepción de Igualdade, cuxo responsable político se coñecerá nos vindeiras días.

Rubén Prol asumirá, ademais de Mocidade e Políticas Lingüísticas, as competencias en Educación. "Eu estarei ao seu carón a lo menos estas primeiras semanas, ata que o departamento se reforce", indicou o rexedor, que quixo resaltar novamente o "esforzo ímprobo" do mesmo para conseguir que funcionase o servizo de comedores e de madrugadores en todos os centros nos que a xestión corresponde ao Concello. Sánchez Bugallo quixo lembrar que a día de hoxe "hai 893 prazas dispoñibles e están comendo unha media de 520" alumnos, pero "estamos buscando a forma de ampliar a oferta ata preto de 1000". Non obstante, o rexedor condicionou este aumento á aquiescencia dos directores porque "o que manda en cada centro educativo é o director, non o alcalde".

O rexedor lembrou que "a día de hoxe todas as solicitudes de 5,4,3,2 e 1 día teñen acubillo" e que o problema se presenta nos casos esporádicos, é dicir, "aqueles que non poden confirmar que día van usar o comedor". Non obstante, este problema está resolto en 7 dos 9 centros. "No Raíña Fabiola, de entrada temos prazas suficientes" e no Quiroga Palacios estase buscando ampliar as 148 actuais (das que agora mesmo están ocupadas 107) a 202 para dar resposta a todas as solicitudes. O departamento traballa, ademais, tendo en conta o número de familias que aínda non confirmaron a asistencia ao comedor e asumindo que a demanda se incrementará a partir do 1 de outubro.

O alcalde referiuse ao decreto municipal que regula o servizo de comedor: "se non houbera decreto, o día 9 non habería nin comedores nin madrugadores", incidiu, "porque é o que dá amparo ao sobrecusto económico" que lle supoón ás arcas municipais a adopción das medidas anti-COVID. Sánchez Bugallo cifrouno nun 40% do prezo do servizo, ao igual que no caso da limpeza, "que asume o Concello e non as familias".

Chamamento á responsabilidade dos máis novos
Na súa comparecencia semanal, o alcalde quixo insistir novamente no chamamento á responsabilidade individual dos máis novos. A policía local tivo que acudir na noite de onte, primeiro xoves desde o comezo do curso universitario, a 28 pisos. Os axentes tamén tiveron que intervir en dous pequenos intentos de botellón e desaloxaron un establecemento no que se atopaban máis de 70 persoas.

"Preocúpame enormemente", indicou o rexedor, que lembrou que nos atopamos nestas tres vindeiras semanas "ante a proba de carga". Bugallo explicou que a cidade conta cun factor de risco maior que outras, "a mobilidade", por iso "temos que ser especialmente prudentes".

A día de hoxe os datos de Santiago mantéñense nun promedio de 180/190 casos por 100.000 habitantes, cifra lixeiramente superior á media de Galicia (160 casos) pero inferior á de cidades como A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e en 11 contaxios diarios. Bugallo salientou novamente a importancia de contralar as cifras nestas vindeiras semanas para poder encarar de mellor forma o último trimestre do ano, sen que se agraven as medidas restritivas que nestes momentos están en vigor na cidade. "A miña aspiración é que poidamos manter este escenario ata finais de ano sen que empeore e incluso melloralo".

Hostalería
O alcalde amosou unha vez máis a súa comprensión cos sectores máis afectados polas restricións impostas pola Xunta o pasado 2 de setembro. Anunciou que o Concello é favorable á petición realizada polo sector sobre a colocación de estufas nas terrazas, sombrillas e mamparas, así como de estudar medidas fiscais máis favorables, aínda que non se mostra partidario de autorizar peches "que supoñan un investimento importante" para dar saída a esta situación excepcional.

Compartir: