TURISMO

Santiago foi o segundo destino máis popular neste verán para os turistas españois

23/09/2020 Santiago foi o segundo destino máis reservado en Civitatis polos turistas españois neste verán, segundo os datos desta plataforma líder na distribución en liña de actividades, excursións e visitas guiadas, tal como destacou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. O concelleiro valorou os datos do pasado verán na cidade nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Sindo Guinarte recoñeceu que, por mor da Covid-19, os datos turísticos do verán estiveron lonxe dos datos dos anos precedentes, nos que se produciu un crecemento constante do turismo internacional na cidade e unha mellora na conectividade internacional do aeroporto. Os datos tamén estiveron lonxe das previsións que se manexaban a comezo do ano, cando a tendencia indicaba que sería un ano no que se poderían superar os máximos históricos na cidade.

Sen embargo, o concelleiro quixo destacar que, neste contexto tan complexo e difícil no que os movementos turísticos estanse reducindo en todo o mundo, especialmente os internacionais, os datos dispoñibles de fontes oficiais amosan que Santiago foi capaz de resistir mellor que a media española, amosando a súa fortaleza e atractivo como destino turístico.

Neste sentido, Sindo Guinarte subliñou que o aeroporto de Santiago foi o segundo cunha menor caída no mes de agosto entre os primeiros 14 aeroportos de España. O descenso en Santiago foi do 50%, fronte a un descenso do 69% na media dos aeroportos españois. Este comportamento permitiu que Santiago sumase o 67% dos pasaxeiros nos aeroportos galegos, fronte a un 55% do 2019.

Os datos de pernoctacións do verán publicadas polo INE tamén confirman a maior resistencia de Santiago con respecto á media española. No mes de xullo, a baixada en Santiago foi do 66,2%, fronte a unha baixada media en España do 73,4%. No mes de agosto, a baixada en Santiago redúxose ata o 52,7%, fronte a unha baixada en España do 64,3%.

Dende Turismo de Santiago fíxose un esforzo moi importante para incentivar a demanda nesta temporada de verán. O obxectivo da entidade municipal foi captar turismo español, en especial familias, promocionando a cidade como un destino seguro, tranquilo, con boa gastronomía e un gran número de parques onde pasear con seguridade.

En concreto, desenvolvéronse dúas accións específicas para este verán. A primeira foi a campaña de promoción Santiago de Compostela. A Túa Historia, que tivo por obxectivo promocionar a Santiago como unha cidade para viaxar en familia, verde e cunha gran gastronomía. Os resultados superaron os obxectivos marcados. A campaña conseguíu máis de oito millóns de impactos, cando o obxectivo era chegar a tres millóns. Ademais, os vídeos da campaña reproducíronse máis de 700.000 veces, cando o obxectivo era chegar a 450.000.

A Campaña Santiago Prémiate é unha iniacitiva que se desenvolve en colaboación coa Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, que consiste en premiar ás persoas que pernoctan nun hotel ou pensión de Santiago un mínimo de tres noites cunha visita guiada a cidade valorada en 12 euros. Santiago Prémiate comezou o 15 de xullo. Ata o momento participaron nela preto de 700 turistas que pernoctaron un mínimo de tres noites na cidade.

Documentos relacionados



Compartir: