DEPORTES

Reabren as instalacións deportivas da cidade de forma gradual e adoptando todas as medidas anti-COVID

21/09/2020 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta mañá o programa de ocupación das instalacións deportivas municipais, que irán abrindo de forma progresiva, respectando sempre as limitacións impostas para a contención da COVID.

Desde o pasado 8 de xuño xa se viñan empregando varias instalacións deportivas, segundo demanda, para atender tanto dinámicas de adestramento de clubs con licenzas de ámbito nacional e autonómico, coma aquelas propostas de ocio e tempo libre que as entidades consideraron oportuno organizar, prestándoselles todas as facilidades, salientou a concelleira. En total estiveron abertos ata 7 recintos municipais durante os meses de xuño e xullo.

"De cara á temporada deportiva que debería comezar nas vindeiras semanas, considerouse oportuno establecer un calendario progresivo de incorporación, no que se refire á ocupación das instalacións deportivas de xestión directa municipal, despois de intercambiar opinións con varias Federacións Galegas e coa propia Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia", indicou Pedrosa, "á vista da evolución das diferentes normativas e das restricións impostas para o Concello de Santiago desde o pasado 2 de setembro".

O calendario de reapertura previsto é o seguinte:

• Primeira semana de setembro (31.08 ao 09.09): consideráronse as actividades de entidades con equipos de ámbito nacional que solicitaron iniciar a súa actividade, así como aquelas disciplinas individuais que teñen licenzas nacionais.

• Segunda semana de setembro (07.09 ao 13.09): dispúxose o funcionamento dos 7 polideportivos vinculados a centros públicos de educación infantil e primaria, priorizando o servizo durante o horario lectivo para facilitar e garantir a máxima seguridade na incorporación dos escolares.

• Terceira semana de setembro (14.09 ao 20.09): estanse a incorporar novas categorias de ámbito nacional, así como a programar o reinicio de entidades que manifestaron a súa necesidade de retomar a actividade de adestramento.

• Cuarta semana de setembro (21.09 ao 27.09): con carácter xeral, darase cobertura ás categorías sénior e xuvenís de deportes colectivos daquelas entidades que confirmen e presenten a documentación requirida, así como aos deportes individuais nesas idades que non empezaron.

• Última semana de setembro (28.09 ao 04.10): ampliarase progresivamente a apertura das instalacións ás categorías cadete e infantil, así como ás licenzas individuais nesas idades.

• A partir da primeira semana de outubro (05.10): prevese que se incorporen de forma escalonada as categorías dos nenos e nenas máis pequenos como poden ser os alevíns, benxamíns e/ou prebenxamíns.

Esta programación elaborouse co obxectivo principal de garantir un inicio gradual no establecemento de rutinas e dinámicas na práctica deportiva e uso das instalacións, "tendo en conta o complicado escenario sanitario que estamos a vivir e a dificultade que supón encaixar todas as demandas".

Tal e como inidicou a concelleira "se ben existía a intención de que o cronograma anterior se adiantara, as restriccións ditadas o pasado 2 de setembro e que afectaron de forma particular a este concello, aconsellaron ser máis prudentes e retrasar a posta en marcha dos equipamentos, dando absoluta prioridade ao inicio do curso escolar". Non obstante, "este calendario estará suxeito á evolución da situación sanitaria que será a que determine as posibilidades de uso e o seu total ou parcial cumprimento".

Sen uso de vestiarios
Á espera da evolución deportiva e sanitaria, todas as instalacións abrirán, con carácter xeral, sen dar servizo de uso de vestiarios para limitar ao máximo os espazos de contacto e para favorecer a rotación entre uso e uso, dado que os tempos de adestramento serán menores, e para poder realizar desinfeccións e ventilacións entre grupo e grupo de actividade.

"Sabemos que a dinámica das instalacións non vai ser a máis favorable e lamentamos moito os inconvenientes que poidan producirse no seu uso ordinario, pero resulta moi difícil respectar as convivencias e rutinas anteriores. Requerirá dun esforzo importante de todos e de todas (entidades, familias, deportistas,…), na medida das posibilidades individuais de cada un", lembrou Esther Pedrosa.

700.000 euros de investimento nos recintos deportivos
A concelleira tamén deu conta das actuacións de mellora nos recintos deportivos que se están a realizar ou se van executar de forma inminente. En total, investíronse arredor de 700.000 desglosados do seguinte xeito:

Dotación de diverso mobiliario deportivo en varias instalacións: 20.000,00 euros. A previsión é proceder á adquisición de diferente material deportivo ao longo dos meses de setembro e outubro, tal e como se ben facendo durante os últimos anos, para completar a dotación ou renovar determinados equipamentos das diversas instalacións (banquillos, porterías, espaldeiras, canastras, ...).

Obra de emerxencia de substitución do peche perimetral do terreo de xogo do CF de As Cancelas: 32.596,98 euros. Executada no mes de febreiro, foi consecuencia dos temporais de vento e choiva que afectaron de forma manifesta ao peche perimetral do terreo de xogo do campo de fútbol das Cancelas.

Obra de substitución do céspede sintético de tres pistas de pádel de Sar: 26.281,44 euros. Rematada no mes de xuño, supuxo a instalación dun céspede de última xeración nas tres pistas semicubertas municipais de pádel situadas en Sar.

Obra de renovación do céspede sintético e peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas: 439.998,72 euros. En fase de adxudicación. O seu inicio está programado para principios do mes de outubro e permitirá a instalación dun novo sistema de céspede sintético de altas garantías e prestacións deportivas. Para mitigar o problema do peche desta instalación en plena tempada, estanse a realizar xestións coa USC para poder dispoñer do seu campo de fútbol de forma exclusiva, de luns a venres.

Acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel: 80.000,00 euros. En fase de preparación documental, a previsión é iniciar a súa licitación no mes de novembro para poder comezar a súa execución a finais de ano. Este investimento permitirá rematar a contorna do principal campo de base da cidade garantindo a accesibilidade de usuarios.

Substitución da rede de fontanería do Estadio Municipal de San Lázaro: 30.000,00 euros. En fase de adxudicación, esta actuación iniciarase no mes de outubro permitindo a renovación da rede principal de fontanería do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro.

Mellora da iluminación do campo de fútbol de Villestro e de Belvís: 46.138,23 euros. En fase de preparación documental, a previsión é comezar co investimento no mes de novembro para rematar a súa execución antes de final de ano. Comeza deste xeito a mellora gradual da iluminación dos campos de fútbol municipais.

Pulido e vernizado da tarima de parque do Pavillón de Fontiñas: 25.000,00 euros. Investimento programado para o mes de decembro, coa intención de entorpecer o menos posible a actividade deportiva programada.

Desfibriladores semiautomáticos para instalacións deportivas: 4.000,00 euros. Continuarase coa dotación deste tipo de equipos nas instalacións deportivas. Neste momento son un total de 11 edificios os que dispoñen deste dispositivo para servizo en caso de urxencia.

Actividades e programas
A este respecto, a concelleira engadiu que "desgraciadamente a programación deportiva municipal foi suspendida o pasado mes de marzo, sen que polo de agora poidamos confirmar que propostas seremos capaces de retomar antes de finalizar o ano". Para o vindeiro mes de outubro, "moi probablemente poderemos definiar cales serán as iniciativas que poden recuperarse e as condicións da súa organización".

Documentos relacionados



Compartir: