PLENO

Noa Díaz formaliza a súa renuncia como concelleira nun pleno extraordinario no que tomaron posesión como edís Xan Duro e María Rozas

04/09/2020 O concello de Santiago celebrou un pleno extraordinario no que tomaron posesión como concelleiros de Compostela Aberta Xan Xesús Duro Fernández e María Rozas Pérez, en substitución de Martiño Noriega e Rafael Peña. Durante a sesión, tamén se formalizou a renuncia da concelleira de Educación, Políticas de Igualdade, Mocidade, e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz Varela, despois da súa elección como deputada no Parlamento de Galicia nas pasadas eleccións autonómicas.

No pleno, que comezou cun minuto de silencio, aprobáronse todos os puntos por unanimidade: o sistema de votación nominal para a adoptación de acordos, a proposta de modificación do réxime de dedicacions exclusivas, e a solicitude de compatibilidade de persoal eventual, así como a ratificación de inclusión na orde do día de todos eles.

Tamén se aprobou por unanimidade o expediente de suplemento de crédito co número 2020-SUPLE-04, por 100.000 euros, financiado con baixas por anulación, coa finalidade de incrementar en 50.000 euros o importe máximo da subvención nominativa recolllida a favor da Cámara Oficial de Comercio e Industria de Santiago, a través dos "Programas formativos de alta eficacia dirixidos a persoas emprendedoras. Fomentar a cultura do emprendemento no concello de Santiago. Apoio servizos de consultoría empresarial ás persoas emprendedoras ao tecido empresarial municipal".

Con este aumento de 50.000 euros, o importe máximo anual sería de 100.000 euros para este mesmo exercicio. A maiores, tamén se incrementa en 50.000 euros o crédito existente nas "Axudas para gasto corrente para a mellora e innovación na restauración e hospedaxe compostelá".

Compartir: