ALCALDÍA

O Concello de Santiago lembra a figura e o legado de Isaac Díaz Pardo na celebración dos cen anos do seu nacemento

21/08/2020 A alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón, destaca a figura de Isaac Díaz Pardo cando se cumpren cen anos do seu nacemento (o 22 de agosto de 1920). Segundo a concelleira de Acción Cultural, "a súa idea de país abarcábao todo, dende a parte política, ata a cultura, industria, educación ou lingua. Soubo, como ninguén, describir e por en valor o espírito da galeguidade herdado das Irmandades da Fala". Engade que durante toda a súa vida, "mantivo acesa e compartiu a luz da liberdade", para que Compostela e Galicia non perderan durante "os duros anos do franquismo, a súa memoria histórica e a súa dignidade como pobo".

Razóns de sobra para que o Concello de Santiago lembre a Isaac Díaz Pardo con distintos actos de homenaxe, como roteiros; un mural pintado por Javier Mourón en colaboración co alumnado do IES do Sar; unha biografía que vai ver pronto a luz redactada por Xosé Ramón Fandiño; e unha estatua de César Lombera na Alameda, preto da de Castelao, inaugurada a principios deste mes. Todo, indica Mercedes Rosón, cun dobre obxectivo: recoñecer a importancia histórica da súa figura e manter vivo ese espírito de liberdade e democracia pola que loitaron destacadas figuras do galeguismo, como Castelao, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, os irmáns Villar Ponte ou Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo.

Roteiros
Agosto é o mes no que se concentra gran parte das actividades programadas en homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Entre elas os cinco roteiros, desenvolvidos entre os días 1 e 8 deste mes, nos que participaron 62 persoas.

Baixo un estrito protocolo de prevención sanitaria e seguridade fronte á Covid-19, puideron coñecer a biografía e traxectoria de Isaac Díaz Pardo, visitando eses espazos que gardan, na nosa cidade, a súa memoria: a casa da rúa das Hortas na que naceu, a praza do Obradoiro, o Teatro Principal ou a Galería Sargadelos. Acompañados dun guía, a todos os participantes proporcionáronselle radioguías para completar a información. A valoración final destes roteiros por parte das persoas usuarias foi dun 4,31 sobre 5 puntos.

Escultura e mural
Dende o pasado 1 de agosto, na Alameda de Santiago, por riba do paseo dos Leóns, pode verse a escultura de César Lombera que recorda a figura de Isaac Díaz Pardo. Está sentado, mirando a perspectiva da cidade vella e aos seus pés unha placa co lema "Santiago é a cidade que se configurou como centro de toda Galicia e na que meu pai me gravou na testa unha estreliña forxada na irmandade da luz e da liberdade".

A escultura colocouse provisionalmente no camiño que discorre entre o paseo dos Leóns e a carballeira de Santa Susana, na que se atopa a estatua de Castelao; á altura das escaleiras metálicas. Sentado nun banco, Isaac Díaz Pardo mira a cidade histórica, dende un espazo que representa a conexión entre a súa realidade, Compostela, e os seus ideais, representados en Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos seus referentes a nivel político, persoal e artístico.

A súa ubicación definitiva será no espazo situado ao final da Alameda, fronte á rúa Cruceiro do Gaio, unha vez que remate o proxecto de obras do muro do Pombal, que incluirá unha conexión con esta zona. Unha zona dotada dunha impresionante perspectiva, que tantas veces debuxou Díaz Pardo co seu pai. A estatua colocarase contemplando a cidade que el coñeceu e as rúas nas que naceu e viviu: Hortas e Carretas.

Ademais, dende febreiro podemos contemplar, no IES do Sar, un mural de Díaz Pardo, deseñado e pintado por Javier Mourón en colaboración co alumnado que cursa o bacharelato de arte.

Publicación
Está previsto que nos meses de setembro ou outubro saia á luz unha biografía de Isaac Díaz Pardo, unha publicación que está elaborando Xosé Ramón Fandiño Veiga, estreito colaborador do galeguista nos últimos anos da súa vida.

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, Fandiño Veiga traballou no Instituto Galego de Información do Grupo Sargadelos, o gran proxecto de Isaac Díaz Pardo. Nos últimos anos realizou distintos traballos en relación a súa figura. Así, foi comisario dunha mostra en novembro de 2018 no Colexio de Fonseca, na que se expuxo diverso material gráfico e documental sobre Díaz Pardo e sobre o seu pai, Camilo Díaz Baliño. Tamén publicou O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo: colaboracións xornalísticas, un libro coeditado polo Consorcio de Santiago a finais de 2018, que recompila 514 artigos de Díaz Pardo publicados na prensa galega entre 1963 e 2009.

Homenaxe na cidade arxentina da Magdalena
Mañá sábado, cando se cumpren cen anos do nacemento de Díaz Pardo, a cidade arxentina de Magdalena réndelle unha homenaxe a que se sumou o Concello de Santiago. Faino cun vídeo que o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, remitiu ao seu intendente, Gonzalo Peluso, e aos veciños e veciñas desta localidade, no que agradece á cidadanía que "decidira celebrar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, figura entrañable, querida, simbólica e moi representativa dunha época da cidade". O alcalde destaca o "labor de dinamización cultural" do homenaxeado, cun "compromiso e militancia continua na recuperación da memoria histórica e na defensa da democracia", e sempre cun "gratísimo recordo por Arxentina". O rexedor remata o vídeo expresando o seu desexo de visitar Magdalena e ofrecendo a Santiago de Compostela como "cidade irmá".

Isaac Díaz Pardo estableceuse en Arxentina entre os anos 1955 e 1968, fundando en Magdalena, Provincia de Bos Aires, a fábrica Celtia S.A. e Porcelanas de Magdalena. Para rescatar o seu legado, un grupo de magdalenenses impulsou unha serie actividades en torno á figura do intelectual, artista e empresario galeguista, como a recuperación das pezas de Porcelanas de Magdalena ou da memoria dos traballadores e traballadoras de Celtia

Documentos relacionados



Compartir: