ACCIÓN CULTURAL

"De Lugares e Órganos" achega o patrimonio musical da cidade na súa quinta edición

13/08/2020 Do 20 de agosto ao 1 de setembro celébrase en Compostela o festival de música De Lugares e Órganos, que este ano chega á súa quinta edición, converténdose nunha cita consolidada na cidade. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada da directora do ciclo, Belén Bermejo, presentou hoxe no Pazo de Raxoi esta cita cita musical ineludible, que pon en valor o patrimonio instrumental da cidade.

De Lugares e Órganos estaba inicialmente previsto para a Semana Santa, pero tivo que ser adiado por mor da pandemia da Covid-19. Finalmente, foi reprogramado para estas novas datas en agosto sen sufrir apenas modificacións no programa.

O elemento central deste ciclo serán catro concertos que se desenvolverán en diferentes igrexas compostelás. O domingo 23, na igrexa da Universidade, terá lugar o Concerto das Donas, que nos achegará á obra de mulleres compositoras do Barroco. Tamén na igrexa da Universidade, o mércores 26, Xoán-Xil López e Andrés Cea Galán estrean Organscape. Variacións para o Rei-Lúa. O domingo 30, Van Eyck Project tomará como escenario a igrexa de San Paio de Antealtares para o seu concerto Tríptico. Tres retratos para a devoción en honra da nobre dama. E será Tasto Solo quen peche o ciclo o 1 de setembro, na igrexa de San Fiz de Solovio, co concerto A Flor en Paradis. Liturxia e fin’amor na Ars Antiqua, con pezas compostas no século XIII.

Completan o programa un encontro co experto en restauración de órganos Óscar Laguna, dous concertos matinés en formato breve, a cargo de María José Cerviño e Andrés Cea, que se realizarán na igrexa das Ánimas e en San Miguel dos Agros, e mais a gravación en directo do programa de divulgación científica da Radio Galega Efervesciencia.

Ademais, mentres dure a programación, entre o 20 de agosto e o 1 de setembro, en diversos escaparates da cidade poderase ver unha mostra fotográfica arredor dos órganos composteláns.

Reservas de convites a partir do luns, 17 de agosto
A situación sanitaria obrigou a reducir os aforos para poder garantir as distancias de seguridade. Por iso será preciso reservar convites para acudir a todas as actividades de De Lugares e Órganos, que son gratuítas.

A reserva de convites ábrese este luns, 17 de agosto, na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de 18:00 a 20:00 h, de luns a venres). Cada persoa poderá reservar un máximo de dous convites.

O control de aforos e as medidas de seguridade serán estritas en todas as actividades. O uso da máscara é obrigatorio para todas as persoas asistentes e deberanse manter as distancias interpersoais de seguridade, tanto na entrada como na saída dos eventos, seguindo en todo o momento as indicacións do persoal encargado de acomodar o público.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: