ACCIÓN CULTURAL E FESTAS

Nace "Compostela en marcha", un novo ciclo de actividades lúdico-culturais para dinamizar a cidade

12/08/2020 O Pazo de Raxoi acolleu a presentación de Compostela en marcha, un novo ciclo de actividades lúdico-culturais que organizan a Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, en colaboración co Concello de Santiago. Asistiron á mesma as concelleiras de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Festas en funcións, Mila Castro; a presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos; e o directivo da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, Sergio Fernández.

Este ciclo -que se celebrará nos meses de agosto, setembro e outubro- nace co obxectivo principal do desenvolver actividades de dinamización, posta en valor e apoio ao sector hostaleiro, que axuden a paliar a grave crise económica por mor da pandemia da Covid-19. Todas as actividades faranse mantendo as medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social necesarias para poder garantir a celebración de eventos nesta nova normalidade.

Actividades
O programa Compostela en marcha arrincará esta noite coa actividade "Cine Libre". A praza de San Paio de Antealtares acollerá a partir das 21:30 h a proxección da película Encallados, de Alfonso Zarauza. O mesmo filme poderá verse de novo mañá xoves na rúa de Entremuros.

O programa continuará venres, sábado e domingo cos chamados "Seráns Tardeo", actividade que se realiza de 18:00 a 22:00 h e que inclúe música e degustación de produtos.

A partir do luns 17 de agosto comezará o "Vai de viños", que consiste en rutas polos locais participantes de distintas rúas da cidade nas que os clientes poderán consumir un viño galego e gañar varios agasallos.

Outras propostas son "AprendéMonos" (talleres de baile, danza, lectura, etc.), "Sesión Vermú" (actividade ao mediodía que xunta música coa degustación de produtos), "Concertos-de-Rúa" (actuación musical a primeira hora da noite), "DJ-ti" (proposta musical para a caza e formación de novos talentos musicais), "Teatr@s" (escenificación teatral), monólogos, maxia e foliadas.

O programa completo irase actualizando nas páxinas da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela e de Hostalería Compostela.

Direcciones relacionadas



Compartir: