ALCALDÍA

Bando do alcalde con motivo do 25 de xullo

25/07/2020 Este é, sen dúbida, un Día de Galicia e un Apóstolo completamente distinto aos anteriores. A covid-19 coouse nas nosas vidas de forma abrupta e dolorosa e todos e todas sufrimos as súas consecuencias en maior ou menor medida. Quen máis, as persoas que perderon algún ser querido. Vaia para elas o noso máis sentido pésame e a máis agarimosa das apertas.

Durante o tempo de confinamento o comportamento dos composteláns e as compostelás foi absolutamente exemplar. Temos que seguir nesta liña, polo ben colectivo. Un paso atrás sería catastrófico tanto a nivel sanitario coma económico e non nolo podemos permitir. Prégovos que sigades dando exemplo e apelo á vosa responsabilidade individual e colectiva.

Estamos nunha fase na que, sen perder de vista a precaución, debemos volcarnos na recuperación económica. E neste empeño temos que remar todas e todos xuntos, en especial dende as institucións. Todos os esforzos serán pouco e debemos unificar forzas para afrontar con éxito os retos que lle esperan á cidade nos vindeiros anos.

Compostela merece un Ano Santo 2021 excepcional e estou seguro de que así será grazas ao traballo conxunto de todas as administracións implicadas: a local, a autonómica e a estatal. Un exemplo desta colaboración é o Real Padroado, un instrumento que, sen dúbida, suporá un pulo importante nun momento moi delicado. A súa celebración sería unha magnifica noticia para Santiago e os seus cidadáns e cidadás.

Como dicía, este será un Apóstolo diferente. Sen atraccións e sen os grandes eventos aos que estabamos afeitos, pero iso non significa que non o poidamos gozar. Animo a toda a veciñanza e tamén a quen nos visita nestes días a sumarse aos concertos na Quintana, en Galeras, ao cine ao aire libre e ao cento de actividades programadas para estes días. Iso si, sempre respectando as medidas de seguridade.

Compostelás e composteláns, deixádevos levar pola maxia do Apóstolo e gozade das festas!

Xosé A. Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela

Compartir: