FESTAS

As seis localizacións e a variedade de efectos e cores dos fogos crearon unha fermosa postal nocturna de Compostela

24/07/2020 O espectáculo pirotécnico dos fogos do Apóstolo, que nesta edición tivo seis localizacións, deixou unha singular e fermosa postal nocturna de Santiago de Compostela. A variedade de efectos e cores dos fogos artificiais e os diferentes escenarios de fondo lograron crear atractivas estampas que moitos/as composteláns/ás puideron captar dende os seus propios fogares.

A carballeira de Santa Susana (Alameda), a Cidade da Cultura, o parque de Carlomagno (Fontiñas), o parque de Luis Pasín (Conxo), A Almáciga e o parque de Eugenio Granell foron os puntos dende os que se lanzaron os fogos nesta edición especial condicionada pola Covid-19, na que se buscou evitar aglomeracións e facilitar que o maior número de composteláns e compostelás puidesen presenciar o espectáculo. Finalmente, polo risco extremo de incendios, os fogos non puideron lanzarse dende dous dos puntos inicialmente previstos: a Granxa do Xesto e o Monte de Deus.

Os fogos destacaron polo seu ritmo, potencia, luminosidade e variedade de efectos e cores. Ao longo dos 20 minutos do espectáculo empregáronse 4.264 unidades de disparo (533 por punto), utilizadas en 504 fases de disparo (63 por punto). Utilizáronse 1.474,48 quilogramos de masa pirotécnica (184,31 por punto), cos que se crearon efectos como tronos, mosaicos, dalias, aneis, intermitencias, crisantemos, crepitantes, estrelas, ovos de dragón, volcáns, medusas, peixes, sorrisos, corazóns, apagados, abellas, cabeleiras, cambios de cores, pistilos, etc.

Programación do Día do Apóstolo
A programación do día grande das festas do Apóstolo arrincará ás 10:00 h coas alboradas a cargo do Castro de Figueiras e a actuación dos xigantes e cabezudos na praza da Quintana ás 11:00 h. Tamén pola mañá, no plano institucional, celebraranse os actos da Ofrenda ao Apóstolo, que este ano contan coa presencia dos Reis de España.

Para a tarde, ás 19:00 h, queda a sesión de teatro familiar na Alameda con Inventi Teatro e a súa obra A tropa do doutor milagre. A xornada completarase con tres propostas musicais: o concerto de Marcelo Dobode (ás 20:00 h no parque de Bonaval); as Xornadas de Folclore Galego, con Brincadeira e Cantigas e Agarimos e Ultreia (ás 21:00 h na praza da Quintana); e o concerto acústico de Escuchando Elefantes (ás 21:00 h no parque de Galeras).

Domingo 26
A xornada do domingo 26 está marcada pola celebración do TradFest, que comezará ás 12:30 h na praza da Quintana cun concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, que nesta ocasión contará coa colaboración de Suso Vaamonde exercendo como músico narrador. Tamén na Quintana, a partir das 21:00 h, subirán ao escenario Ailá e Tanxugueiras.

Outro dos escenarios principais do festival será o parque de Bonaval, onde se mesturarán diferentes disciplinas dende o mediodía ata a noite. Así, celebraranse concertos instrumentais como os de Candorka, Porcoteixos ou Anxo Lorenzo. E se de expresión cantada se trata, por alí pasarán Barahúnda, Zeltia Irevire, É Romance e Laura LaMontagne.

Pero tamén haberá baile, da man de Bouba, Altaplana ou Os Monifates. A estes concertos pensados para o baile súmanse os obradoiros con Cobos & Prieto, con grupos dirixidos ás 13:00, 16:30 e 18:30 horas.

Non lonxe de alí, a igrexa de Bonaval é o marco escollido para os concertos acústicos de Iván Vilela, Fernando Barroso, Pärbo e Abraham Cupeiro.

E para completar o TradFest, animación de rúa entre as 11:00 e as 19:30 h a cargo de Os Estalotes, Habelas Hainas, Acivreira e Os Monifates.

O programa do día inclúe tamén o espectáculo de circo e danza Ikigai, da compañía Su.Ma (19:00 h na Alameda); as proxeccións de Pérez 2. O ratiño dos teus soños (19:00 h) e de O que arde (22:00 h) no parque de Eugenio Granell; e o concerto de Agoraphobia (21:00 h no parque de Galeras).

Luns 27
A última semana das festas do Apóstolo abrirase o luns 27, ás 19:00 h, coa música de Uxía Lambona e a Banda Molona no parque de Galeras. A esa mesma hora, no parque de Galeras, proxectarase O Grinch, nunha sesión dobre de cine que completará o filme Parásitos ás 22:00 h. E tamén ás dez da noite, na praza da Quintana concerto de Xacobe Martínez Antelo Trío baixo o título "Capturas".

Compartir: