FESTAS

A Banda da Loba, proposta musical para este martes nas festas do Apóstolo

20/07/2020 A xornada do martes nas festas do Apóstolo tráenos dúas novas propostas: a obra familiar "O sal do mar e outros compañeiros mariñeiros", de Teatro do Andamio (ás 19:00 h no parque de Galeras), e o concerto de A Banda da Loba (ás 22:00 h na praza da Quintana). Os dous espectáculos teñen xa as entradas esgotadas.

Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás Vieites (guitarras), Marcela Porto Mato (batería e percusións) e Xiana Lastra Pernas (voz) son as cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para formar A Banda da Loba. Destacan por ter un repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas clásicos e outros de poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un caleidoscopio musical.

En decembro do 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Tras o gran éxito acadado, sendo gañadoras do Premio aRitmar 2018 á mellor canción en lingua galega, e despois de dar máis de 70 concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora na praza da Quintana o seu último traballo, Fábrica de luz.

Teatro do Andamio
No parque de Galeras haberá este martes teatro familiar. A compañía coruñesa Teatro do Andamio representa O sal do mar e outros contos mariñeiros.

A obra cóntanos a historia de Iago, a quen lle gusta o mar e a aventura. Milleiros de veces xogaba co seu avó a ser mariñeiro: dar unha volta ao temón, tocar a campá, subir na ponte de mando do capitán e dar ordes. O avó sempre lle dicía: "Oe, Iago, lembra, os mares non nos separan, únennos, somos moi diferentes e semellantes a un tempo".

E agora o soño virou realidade: Iago vai facer a súa primeira viaxe. O seu barco aínda está atracado no peirao, pero el xa soña con saír navegar, atravesar os mares, percorrer lugares descoñecidos, coñecer xente nova e por fin… poder abrir o baúl cheo de tesouros que lle deixou o seu avó.

Compartir: