ALCALDÍA

O Concello de Santiago lembra á veciñanza a obriga de limpar de maleza os terreos da súa propiedade

17/07/2020 Este domingo, o Concello publicará un bando no que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, recorda aos veciños e veciñas a obriga de limpar a maleza dos terreos en solos urbanos e núcleos rurais da súa propiedade. Tal como se expresa neste requirimento xeral, en cumprimento do disposto na Lei 3/200, de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, "os/as titulares/propietarios/as de parcelas ou terreos situados en solo urbano, urbanizable e núcleo rural teñen o deber de mantelos nun adecuado estado de limpeza e coa masa vexetal rozada antes de finais de maio de cada ano".

A citada lei establece que os/as responsables das parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos "deberán cumprir coas obrigas de xestión de combustible vexetal (tala e roza) antes de finais de maio de cada ano, xestionando a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo urbano e urbanizable delimitado, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte". Así, nos devanditos 50 metros "non poderá haber nin piñeiros, nin eucaliptos, nin acacias, nin toxos, nin xestas, nin silvas".

Cómpre lembrar que tamén na Ordenanza municipal de convivencia, residuos e limpeza viaria de Santiago de Compostela se establece que os/as propietarios/as de terreos situados no termo municipal deberán mantelos nas debidas condicións de hixiene, salubridade e seguridade. Para iso, realizarán as tarefas de mantemento necesarias co fin de que permanezan limpos de maleza(…)".

No caso de incumprimento das obrigas sinaladas, o Concello de Santiago poderá proceder á notificación ás persoas responsables da súa obriga, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria en caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que correspondese, así como da aplicación das sancións correspondentes.

Documentos relacionados



Compartir: