ALCALDÍA

Rematan as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre

14/07/2020 A conselleira de Infraestruturas en funcións, Ethel Vázquez; os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte; e de Barrios e Obras, Javier Fernández, así como varios membros dos grupos municipais, supervisaron o remate das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre. Unha actuación executada pola Xunta de Galicia, en coordinación co Concello de Santiago, que contou cun investimento de 1.840.860,65 euros, e que permitiu acondicionar un tramo de 811 metros da ruta, para dotalo dun ancho igual ou superior aos 3,5 metros, gañando en integración, en visibilidade e en comodidade.

Os traballos permitiron delimitar o ámbito da ruta xacobea da zona de naves industriais a través de cerramentos metálicos e vexetais, e adecuar a parte traseira do cemiterio de Boisaca, convertendo unha explanada nun espazo coidado, verde e humanizado. Tamén se incorporou mobiliario urbano, con elementos singulares como luminarias, cubre-contedores, detalles nos bordos ou a disposición da vexetación.

O proxecto enmárcase na mellora das entradas dos Camiños na cidade, que contan cun orzamento, segundo Ehtel Vázquez, duns 10 millóns de euros, e contemplan actuacións en catro áreas: no Camiño Inglés; no Camiño Francés en San Lázaro e na avenida de Lugo; e na entrada do Camiño Portugués, en Conxo.

As obras supervisadas hoxe están prácticamente finalizadas, á espera de retirar os postes de alta tensión e doutros remates menores. No acto tamén estaban presentes o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e os edís do PP, Ramón Quiroga; de Compostela Aberta, Jorge Duarte; e do BNG, Goretti Sanmartín.

Compartir: