EDUCACIÓN

Aberta ata o 4 de setembro a presentación de orixinais para a XII edición dos Premios Educacompostela

09/07/2020 Os Premios Educacompostela recoñecerán un ano máis os mellores recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica. A XII edición destes galardóns ten aberto ata o 4 de setembro o prazo de presentación de orixinais.

Os Premios Educacompostela, convocados polo Concello de Santiago de Compostela coa colaboración pedagóxica de Nova Escola Galega, teñen o fin de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria, secundaria ou en etapas postobrigatorias. Tamén se poderán presentar materiais elaborados e destinados a outros contextos educativos non escolares.

A dotación dos Premios é de 2.700 euros, distribuídos entre os 1.200 euros do primeiro premio, os 900 do segundo e os 600 do terceiro.

Os materiais presentados deberán ser orixinais inéditos e estar redactados ou elaborados en lingua galega. Non poderán participar aqueles traballos que foran premiados con anterioridade. Cada material ou conxunto de materiais deberá ir acompañado dun texto explicativo cun máximo de 15 páxinas que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, integración no currículo e proceso de elaboración, experimentación e avaliación seguido.

Poderá participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados.

Os orixinais para optar aos premios deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela. O prazo de presentación de orixinais rematará o 4 de setembro de 2020.

O xurado estará composto pola concelleira de Educación, dous representantes de Nova Escola Galega, dous representantes do Departamento de Educación, o/a director/a do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, un representante dos centros de formación e recursos de Galicia e un representante das editoriais de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: