TURISMO

Santiago de Compostela premia os seus turistas con visitas guiadas pola cidade

09/07/2020 Santiago Prémiate permitirá que os/as turistas que visiten Santiago a partir do 15 de xullo poidan recibir como agasallo visitas guiadas pola cidade que de xeito regular teñen un prezo de venda ao público de 12 euros. A única condición para poder acceder a esta promoción é pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou hoxe esta iniciativa acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e polo presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Tommi Alvarellos. A inicitiava é posible grazas a sinatura dun convenio entre Turismo de Santiago e a Asociación de Guías.

As persoas que se aloxen polo menos tres noites nun hotel ou pensión da cidade poderán participar nas visitas "Tour Peregrino" ou "Compostela Contada". As visitas terán saída garantida todos os días ata o 31 de decembro, dependendo os seus horarios da época do ano. Dende o 15 de xullo ata o 30 de setembro haberá catro saídas diarias: ás 10:00, 12:00, 16:00 e 18:00 horas.

O "Tour Peregrino" é unha visita que xira arredor da figura dos/das peregrinos/as e o seu protagonismo na cidade dende o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago ata hoxe en día. A visita guiada parte da praza de Praterías e pasa por lugares emblemáticos como a praza do Obradoiro, o antigo cemiterio de peregrinos/as preto da capela de San Fructuoso, a rúa de Hortas ou San Martiño Pinario.

"Compostela Contada" consiste nun percorrido polas rúas e prazas principais do Casco Histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na visita alúdese á historia do Apóstolo Santiago, quen xustifica a orixe da peregrinación e o desenvolvemento de Santiago de Compostela. O percorrido comeza na praza das Praterías e pasa polas principais prazas e rúas do Casco Histórico.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, apuntou que un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago a curto e medio prazo é captar turismo familiar da Península que viaxe con estadías longas e que poida empregar Santiago como centro para coñecer non só a cidade senón tamén Galicia dun xeito seguro.

Segundo Sindo Guinarte, Santiago Prémiate, que se desenvolve coa colaboración da Deputación da Coruña, enmárcase neste obxcetivo. Tamén destacou que a iniciativa ten dous grandes beneficiarios: máis de 170 hoteis e pensións da cidade, que terán un agasallo gratuíto que ofrecer ás persoas e familias que se aloxen polo menos tres noites no seu establecemento; e os sectores turístico e comercial da cidade en xeral, xa que aumentar a estadía media nos establecementos da cidade ten unha repercusión económica directa.

Compartir: