XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o estudo de detalle para a instalación de ascensores no grupo de vivendas Diego Xelmírez (Santa Marta)

06/07/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o estudo de detalle para a mellora da accesibilidade e das condicións xerais das edificacións do grupo de vivendas Diego Xelmírez", que afecta aos números 31-33, 25-27 e 29 da rúa de Santa Marta de Arriba. O documento, presentado polas comunidades de propietarios dos edificios, reúne, dende o punto de vista técnico, os requisitos necesarios para a súa aprobación inicial e posterior exposición pública durante o prazo dun mes. A solución que se presenta é a escollida polos veciños.

Os edificios número 31-33 e 25-25 son iguais, cunha disposición simétrica. Cada un deles está formado pola agrupación de dous bloques unidos por unha escaleira. Prevese a colocación de dous ascensores, un para cada grupo, polo exterior das edificacións, ocupando parte dos espazos libres que forman os patios abertos, na zona pola que se accede na actualidade. O estudo considera xustificada a instalación polo exterior, xa que nas zonas comúns interiores non hai espazo suficiente. Ademais, a súa posición exterior non interfire no correcto funcionamento dos espazos públicos, polo que se considera axeitada.

No bloque illado, o número 29, que pecha o conxunto de edificios, prevese a instalación do ascensor adosado á fachada principal. Esta edificación non conta co espazo no patio que teñen os outros bloque sen conxunto. A posición do ascensor polo interior alteraría significativamente a distribución das vivendas, polo que se considera xustificado a súa posición no exterior da edficación. Neste caso, a afección ao espazo público é maior que nos outros bloques, polo que no momento da implantación do ascensor debe preverse a adecuación do espazo público da contorna, de xeito que manteña a súa funcionalidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: