FESTAS

Última xornada de "Prima20" con tres actividades no barrio de San Pedro

03/07/2020 Prima20, a festa do comercio local, celebra este sábado a súa última xornada cunha programación especial no barrio de San Pedro na que se inclúen contos, danza e pasarrúas.

O programa deste sábado arrinca ás 12:00 horas cun "Menú de contos" a cargo de Charo Pita na praciña da igrexa de San Pedro. Contos para contar, contos propios e de tradición oral, e, como en calquera almorzo en restaurante, os convidados, coa axuda dela, irán escollendo historias do menú ata conformar unha exquisita comida mesmo con sobremesa. A entrada é de balde, pero é preciso reservar a través da web comerciolocal.gal.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, o campo da Angustia acolle unha sesión con As Armadanzas. Mercedes e Montse son dúas mulleres intrépidas que teñen como difícil misión na época da Covid-19 levar ao público ata o mundo do baile tradicional galego-portugués. Non importa a idade, da súa man todo o mundo pode botar unha baila. Acompañadas de contos e historias, levarannos sen decatármonos ata a vida de Xan e Matilde, dous anciáns que foron mozos e que foron quen de transmitir ás súas netas con nostalxia e con alegría como eran aqueles tempos de antes nos que o baile era a mellor das diversións. Actividade tamén de balde e con reserva previa.

E para seguir animando a tarde, Muiñeiros do Sarela percorrerán as rúas de San Pedro e de Concheiros a partir das 19:00 h. Este grupo de música tradicional basea a súa proposta musical no canto e na música, para instrumentos tradicionais como a gaita, o acordeón, as frautas, a requinta ou a percusión tradicional. O obxectivo da formación non é outro que mesturar temas de sobra coñecidos da música galega con outros que non o son tanto e que se intentan rescatar do anonimato e dalos a coñecer ao público en xeral, conservando as súas tonalidades e dese xeito, ofrecelos de novo á xente, para que poidan cantar, bailar e gozar cos seus sons.

Direcciones relacionadas



Compartir: