ALCALDÍA

O alcalde reitera a importancia do Polo de Innovación en Biotecnoloxía para "xerar empresas e postos de traballo cualificados"

03/07/2020 Tras a sinatura esta semana do Acordo da Sionlla, que senta as bases da creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, o alcalde reiterou o compromiso municipal con esta iniciativa, que "apoiamos e na que estamos detrás dende o minuto un". Así, Xosé Sánchez Bugallo reiterou a importancia deste Polo para "ampliar a base económica da cidade e xerar empresas e postos de traballo moi cualificados" e para "darlle contido económico a moitos traballos de investigación que nacen na USC e que ata gora tiñan que seguir fóra de Galicia".

Os vindeiros pasos, segundo anunciou o rexedor, será a sinatura durante este mes de xullo de convenios coa Asociación Área Empresarial do Tambre e coa Cámara de Comercio para seguir impulsando con recursos económicos esta iniciativa. Ademais, expresou a súa confianza en que tamén neste mes "o Concello poida tomar a maioría accionarial de Uninova, para convertelo no ente instrumental a través do que participaremos na posta en marcha do Polo", para cuxas instalacións o Concello cederá unha parcela municipal.

Recuperación da normalidade
Seguindo co repaso semanal, o alcalde tamén se referiu á apertura do Camiño como un dos "pasos moi importantes para a normalización da vida cidadá e para a reactivación da economía de Santiago". Neste sentido, lembrou que os datos do paro de xuño indican que o 73% das persoas desempregadas no municipio "están no sector servizos", polo que "é imprescindible reactivar sector turístico, que acubilla a esas persoas que maioritariamente ingresa as listas do paro".

Sánchez Bugallo manifestou o seu desexo de que esta "recuperación paulatina da normalidade" sexa "continua e, na medida do posible, sen pasos atrás". Como datos desa volta apuntou que o transporte público se sitúa aínda en niveis "modestos", co 50% de usuarios/as respecto a estas mesmas datas en 2019, mentres que o tráfico privado de vehículos xa está en niveis do 81,73%.

Sobre outro dos sectores en recuperación, o dos hoteis, e preguntado polas previsións de ocupación, considerounas "previsibles" e insistiu en "non dar os pasos de dous en dous", sabendo que "se abre xullo para que agosto sexa mellor e setembro aínda mellor".

O alcalde quixo facer tamén outra reflexión a propósito de dúas preguntas sobre o control policial da utilización de máscaras ou dos aforos dos locais nocturnos. "Mal imos se os cidadáns traspasamos a nosa responsabilidade individual e colectiva á Policía, que non ten a capacidade para controlar a toda a cidadanía, turistas aparte", dixo.

Escola Municipal de Música
Preguntado pola reivindicacións dos traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música, o rexedor afirmou que non lle parece "nin elegante nin xusto que recriminen ao Concello", cando "en boa medida, se estamos metidos neste lío é por intentar arranxar a súa situación" e diso, dixo, "os primeiros que son conscientes son os propios traballadores".

Sánchez Bugallo explicou que a Escola presenta dúas dificultades básicas. Unha é a dos "problemas puntuais de tesourería da empresa que presta o servizo, que "quedará resolto probablemente nas próximas dúas semanas". Así, indicou que o Concello está ao día no pagamento para compensar a parte mensual de déficit do servizo, ao ter pagado a factura de maio. "Tendo en conta que estamos a principios de xullo, se é que a empresa presentou a factura de xuño, levará 1 ou 2 días sen pagar", aclarou. A maiores, comentou, está "o problema de suspensión de cobro de taxas durante os meses do coronavirus. A factura seralles aboada polo Concello entre a semana que vén e a próxima".

"E logo está o problema estrutural, derivado de concurso convocado no seu día, polo interese que tivo o Concello en defender os traballadores. Se o Concello fora pola liña recta, aplicando a sentencia, tería resolto o concurso anterior, adxudicándollo á empresa que se presentou, sen preocuparse das consecuencias para os traballadores. En cambio, o Concello estudou xuridicamente o encaixe e deixou sen efecto a adxudicación, asumindo a posible reclamación da empresa, para resolver o problema cos traballadores", detallou o alcalde.

Segundo Sánchez Bugallo, "eles asumiron un convenio colectivo que era o que máis lles conviña dende o punto de vista retributivo, pero que non contemplaba a cláusula de subrogación".

Despois da dilación dos procesos administrativos a raíz da Covid-19, o alcalde agarda que "neste mes de xullo se convoque o concurso", en cuxos pregos si se recolle a subrogación do persoal da Escola Municipal de Música. "Tivemos que buscar un sustento legal e reformular os estudos económicos e agora o borrador de pregos está en contratación, pendente de superar os informes da Asesoría xurídica e da Intervención", explicou, reiterando a "plena vontade política" de solucionar a situación destes traballadores e traballadoras.

Direcciones relacionadas



Compartir: