ALCALDÍA E DEPORTES

Visita ás renovadas pistas de pádel de Sar e ao Multiúsos tras a súa reapertura ao público

09/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, visitaron este martes as tres pistas de pádel semicubertas de Sar, que onte se puxeron a disposición dos usuarios e usuarias tras ser cambiado o seu céspede artificial. Despois, pasaron polo Multiúsos de Sar, que tamén vén de abrir as súas instalacións de acordo aos protocolos sanitarios e de seguridade marcados para a fase 3 da desescalada.

O desgastado céspede das tres pistas de pádel foi substituído por outro de alta calidade e resistencia ao desgaste. As novas pistas azuis son iguais que as que se usan no World Padel Tour, cun céspede que garante a homoxeneidade e regularidade do bote da pelota en todos os puntos da pista, antes e despois do impacto sobre o cristal. Ademais, facilita un mellor agarre e require un mantemento mínimo. Aos xogadores e xogadoras ofrécelles unha excelente amortiguación e o máximo confort.

As pistas de pádel entraron en funcionamento este luns, coincidindo co inicio da fase 3 da desescalada, ao igual que as instalacións do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel. O alcalde e a concelleira puideron observar a volta á "normalidade" do Multiúsos, que agora acolle as máquinas de ximnasia na súa pista central, garantindo así as distancias de seguridade.

O horario do Multiúsos Fontes do Sar e do C.D. Santa Isabel é de luns a venres de 7:00 a 23:00 h, sábados de 9:00 a 20:00 h e domingos de 9:00 h a 14:00 h (domingos pola tarde pechado). As pistas de pádel e tenis abren de luns a venres de 9:00 a 23:00 h; sábados e domingos de 9:00 a 20:00 h.

Tamén abriu a piscina de Santa Isabel, coas oito rúas para o nado libre, mentres que as piscinas de verán de Fontes do Sar abrirán na segunda quincena de xuño.

Documentos relacionados



Compartir: