EMPREGO

O Concello lanza un simulador do Ingreso Mínimo Vital e habilita dous puntos de información

01/06/2020 Coa aprobación do Ingreso Mínimo Vital por parte do Goberno central, a Área de Emprego do Concello de Santiago está impulsando diversas medidas de consulta e apoio para facilitar a información sobre esta prestación non contributiva á cidadanía máis vulnerable da cidade. Así, este luns, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o técnico municipal responsable de Emprego, Xavier Ferreiro, presentaron un simulador do Ingreso Mínimo Vital, que permite consultar de forma moi sinxela o cumprimento dos requisitos para percibir esta prestación e mesmo en que contía económica.

Esta aplicación pódese visitar na páxina web www.simuladorimv.com e está dispoñible en galego e castelán, adaptada aos dispositivos móbiles. Coa intención de axudar a máxima poboación posible, o Concello de Santiago non restrinxirá o acceso á aplicación só á cidade e poderá ser consultada libremente.

No caso de que se cumpran os requisitos e sexan persoas empadroadas en Santiago, o Concello ten habilitado un servizo de consulta e información sobre o IMV (Ingreso Mínimo Vital) para a cidadanía da capital galega. Tras completar satisfactoriamente o simulador, terán acceso á sección de consulta, e incluso poderán solicitar cita previa nos puntos informativos do IMV que estarán dispoñibles dende mediados de mes en Santiago.

Esta aplicación permitirá á cidadanía comprobar se pode recibir esta prestación, que nace co obxectivo, seguindo as fontes do propio Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións de: "non deixar a ninguén atrás".

A través duns sinxelos pasos a modo de cuestionario, calquera persoa pode comprobar se reúne os requisitos para recibir esta prestación e, á súa vez, que cantidade económica tería dereito a percibir.

Puntos de información e consulta do IMV na praza de Abastos e en Área Central
A partir do 16 de xuño haberá dous puntos de información presenciais na cidade: un situado no Centro Comercial Área Central e o outro Mercado de Abastos. Nestes puntos informativos, as persoas que o desexen poderán recibir apoio personalizado, información e aclarar consultas acerca do Ingreso Mínimo Vital.

Características do Ingreso Mínimo Vital
O IMV é compatible coas rendas de traballo, facendo que a súa percepción non desincentive o acceso ao emprego das persoas beneficiarias. Pero non aparece vinculado á procura activa de emprego, senón ao seguimento de estratexias que removan os obstáculos sociais e laborais que dificultan o pleno exercicio dos seus dereitos e socavan a cohesión social.

3.500 persoas en Santiago
Segundo indicou o alcalde na rolda de prensa, este Ingreso Mínimo Vital podería beneficiar a unhas 1.300 familias (máis de 3.500 persoas), dato que extraeu a partir do número de familias que actualmente fan uso do tícket especial de compra posto en marcha polo Concello de Santiago.

Compartir: