XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as convocatorias de subvencións para a recuperación da actividade cultural en Compostela

01/06/2020 A Xunta de Goberno deste luns aprobou as bases de dúas convocatoria de subvencións para o fomento das actividades culturais durante o ano 2020: unha destinada a asociacións culturais e outra ao sector profesional. O prazo de solicitudes será dun mes, contado dende o día seguinte á publicación das respectiva convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

En canto ás axudas destinadas a asociacións culturais, van dirixidas á promoción de procesos e actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografía, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística. Destínase a esta convocatoria un importe global de 50.000 euros. A contía máxima da subvención por cada solicitante será de 5.000 euros e permitirá cubrir ata o 80% do gasto comprometido.

Para acceder a estas subvencións, as actividades culturais deben executarse en Santiago de Compostela, entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro de 2020, e ser abertas ao público. Non serán subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos.

Estas axudas servirán para afrontar tanto custos de persoal como materiais, inclúidos gastos de aloxamento, desprazamento e manutención, cos límites que marca a convocatoria.

Sector profesional
A segunda das convocatorias ten por obxecto o fomento das actividades culturais organizadas por persoas e entidades dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas do concello de Santiago de Compostela durante o ano 2020. Neste caso, destínase un importe global de 100.000 euros a unhas axudas que poden alcanzar ata un 80% do gasto, cunha contía máxima de 15.000 euros por solicitante.

As actividades culturais subvencionables deben igualmente terse executado en Santiago entre o 1 de xaneiro e o 18 de outubro, e ser abertas ao público. Do mesmo xeito, quedan excluídas as actividades gastronómicas e os cursos formativos.

En ambas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación das actividades subvencionadas será do 1 ao 30 de outubro de 2020.

Compartir: